O enfermeiro que auxiliou ao sanitario apuñalado no Chuac: «Podía ser eu, pero o peor é que podía morrer un compañeiro»

A CORUÑA

Atopábase no box contiguo cando escoitou berros e puido, xunto a outra profesional, evitar un ataque máis feroz

04 feb 2025 . Actualizado á 20:22 h.

Álex é compañeiro de Ismael Fuentes Rojo, o enfermeiro que este luns pola tarde recibiu varias puñaladas cando atendía a un paciente cun trastorno da conduta. Atopábase nun box contiguo ao que se produciu a agresión. Nun momento dado, escoitou berros e correu cara a esa estancia. Atopouse a un paciente apuñalando na zona do abdome a Ismael. Ao seu lado tamén se atopaba outra compañeira «cuxa actuación foi espectacular e valente», lembrou entre bágoas. Entre ambos evitaron que a agresión continuase e «apareceron os gardas de seguridade, que actuaron con rapidez e profesionalidade. Tanto é así, que un deles recibiu un golpe no rostro».

Álex non pode evitar o pranto ao lembrar aquilo. Para el, o de onte «foi o peor día da miña vida como enfermeiro». «Podía ser eu, pero o que é peor, podía morrer un compañeiro», dixo. Aos sanitarios, engadiu, «sempre nos din que estamos feitos doutra pasta, pero isto supérao todo. Non puiden durmir. Teño medo, pero me salva que me gusta o meu traballo».