Nessie se muda á cidade

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña

PACO RODRÍGUEZ

Se eu fose o monstro do lago Ness, xa estaría ata os cumios de suar a gota gorda en Escocia e buscaríame augas frías, pero de verdade

16 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Con isto do cambio climático, ao monstro do lago Ness estáselle quentando o loch máis da conta. Ao bicho, con estes hervores, estáselle pondo cara de polbo en San Froilán e, despois de plantar a orella na porta do cume de Glasgow, xa está a buscar pozas alternativas a tanta calentura global.

Máis que unha charca xeada para pillar cubitos e rebaixar o whisky á tardiña, a lagoa de Inverness pronto parecerá un burbujeante yacusi, que, por moito que as pelis nolo queiran vender como algo glamuroso, é unha das cousas máis charramangueiras que existen. Será que me imaxino sempre ao defunto Jesús Gil metido dentro, cos ouros sobre o peito peludo e o vaso de tubo entre as chanclas.

Se eu fose Nessie, xa estaría ata os cumios de suar a gota gorda en Escocia e buscaríame augas frías, pero de verdade, desas que cando che mergullas fanche doer ósos que nin sequera sabías que existían. Non sei nos polos, que ademais tamén se están derretendo, pero onde o saurio ten garantido un mar ultracongelado é sin duda na Coruña. Abrín neveiras que despedían máis calor que o mar do Orzán.

Se ao final, aburrido de vacilar a frikis e zoólogos, Nessie abandonase Escocia, o máis lóxico sería cambiar a auga doce da súa loch polo mar salgado coruñesa. E, como na Torre e en Riazor —da Dársena xa nin falamos— sempre hai moito turista con ganas de foto e a criatura tenlle alerxia ás cámaras, o mellor sería acomodalo nas augas da Maestranza, a salvo de curiosos e con vistas aos faros de Mera.

Non se me ocorre un escenario mellor para ver zambullirse a Nessie, xusto fronte a Seixo Branco, mentres tararea co seu entrañable acento escocés aquilo de «quen pasou a Marola pasou a mar toda».