O coronavirus desata a febre polas piscinas

Rodri García A Coruña

A Coruña

Marcos Míguez

Despois do confinamento, buscamos a seguridade no lecer de verán. Bañarse na praia? Non hai risco cero. Só as piletas garanten compartir a auga e o cloro exclusivamente coa familia e os amigos. Por iso as piscinas voaron

23 jun 2020 . Actualizado ás 15:31 h.

«No mes de maio vendemos o que habitualmente vendemos en toda a campaña». Así resume Rubén García, director da tenda de Leroy Merlin en Marineda, o que está a ocorrer coa demanda de piscinas desmontables. Isto provocou que un dos provedores «xa non colle máis pedidos porque non pode fabricar máis».

A situación afecta tamén ás empresas que constrúen piscinas sobre o terreo: «Tamén están desbordadas porque os clientes che din que se non teñen a piscina para este verán xa non a queren», resume Carlos López, de Augalia, unha firma que traballa toda a área coruñesa, desde Carballo ata Ferrol. «A xente tivo moito tempo para pensar durante o confinamento», reflexiona López e unha das conclusións foi o ben que lle viría ter unha piscina. E hanse lazado a por ela. Os profesionais do sector recoñecen que en moitos casos as visitas ou consultas que reciben «son só por curiosidade». Outras veces con proxectos imposibles pola localización ou a falta de permisos.

Inédito

«Nunca nos pasou o de en plena campaña romper os stocks [unha rotura de stock ocorre cando a empresa distribuidora non ten cantidade suficiente dun produto e non pode abastecer a demanda]. É a primeira vez que ocorre», insiste Rubén García. Habitualmente, este mes de xuño e o de xullo «son os de maior demanda. Agosto xa é máis frouxo», explica. Por iso durante estes días prodúcense situacións curiosas: «Hoxe chegáronnos dúas piscinas: o primeiro que veña lévallas porque con esta situación xa non facemos reservas».

«As de obra tamén están desbordadas e faltan algúns materiais necesarios para instalalas»

Isto está a ocorrer coas piscinas desmontables, «pero as de obra tamén están desbordadas e faltan algúns materiais necesarios para instalalas», apunta García. Confírmao Carlos López, de Augalia, unha firma que traballa por todo a área coruñesa na instalación de piscinas prefabricadas e de obra. «Todo leva o seu tempo», reflexiona. No seu caso, «non é o cliente o que a quere para mollarse», trátase de proxectos pensados e planificados. López destaca a importancia da desinfección, «e máis agora». Por iso sinala que as piscinas desmontables que se colocan sobre un terreo son baratas pero deberían levar un sistema de desinfección como as outras. Iso «supón 2.000 euros máis e entón váiselles de orzamento».

Barbaridades de inexpertos

De todos os xeitos, indica López, ese non é o maior problema: «Hai xente que está a facer barbaridades como pór unha piscina de 2.000 ou 2.500 litros nunha terraza. Iso é un perigo. Non porque se vaia a caer a terraza, pero si se pode gretar». É unha experiencia que confirma Jorge Noya, cuxa empresa (www.poolthink.com) dedícase ao deseño de piscinas en función da forma e localización da leira ou da casa. Un posible cliente chamoulles para instalar unha piscina en «unha vivenda moi alta» e ao explicarlle que «non podía ser» despediunos de forma non excesivamente amable.

Noya recoñece que hai demandas ás que non chegan, «queda fóra porque non podemos atendelo», pero á hora de cumprir os prazos «temos que poder». Así, comenta como para o inicio de xuño remataron, tal e como apalabraran, unha piscina de 21 metros por 8 nunha urbanización privada con máis de 200 vivendas. Con todo, por agora o presidente da comunidade, «con bo criterio de sentido común», decidiu non abrila, a pesar de que algúns veciños «pola noite lle facían fotos á piscina». Talvez soñando cos primeiros baños nela. Pero esta é outra das cuestións que se está expondo durante estes días: abrir ou non abrir as piscinas das urbanizacións.

Pensalo con antelación

Sobre os prazos para dispor dunha piscina, Jorge Noya teno claro: «O que queira unha piscina de verdade que o pense o ano anterior. En novembro hai que empezar a planificar para tela en xuño». A execución das obras sitúaas entre un mes e medio e dous meses e, no seu caso, apunta que o prezo é moi diferente en cada caso ao tratarse de proxectos singulares.

Carlos López cifra o investimento medio entre 12.000 e 13.000 euros para unha piscina estándar. Lembra que «se fas escavación tes que pedir permiso». Neste sentido detalla a necesidade de «elaborar un proxecto de instalación e ter a licenza de construción». Recoñece que hai xente que funciona co «ti vai facendo» pero «sen licenzas non empezamos o proxecto». Case todos os traballos que están a facer agora son os que xa tiñan contratados antes do confinamento.

Entre os profesionais do sector cifran en varios meses os que adoitan tardar os concellos en conceder os permisos. Esta é unha das razóns polas que as piscinas desmontables rebentaron o mercado.