Cando na rúa Orzán podíase durmir

Antía Díaz Leal
Antía Díaz Leal CRÓNICAS CORUÑESAS

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

Vendo o mapa que pintaron os meus antigos veciños, descubro que a miña casa estaba xusto onde se cruzan as dúas zonas máis problemáticas

29 ene 2020 . Actualizado á 05:00 h.

Case pasou un decenio desde que aterrei nun pequeno e precioso piso da rúa Orzán polo que a inmobiliaria non daba un duro, inexplicablemente. E a metade do tempo que levo nesta cidade paseino alí, con aquelas fiestras de madeira á rúa, aquela cociña vermella, un diminuto ascensor de cristal e as lousas en branco e negro do portal. Non lembro cantas veces me dixeron que era unha tolemia vivir naquela zona, que me preparase para non durmir. E creo que podo contar cos dedos dunha man as veces que o balbordo da rúa foi un inferno. A primeira, aqueles entroidos do mes de febreiro cos que estreei a miña vida aquí.

Serían os poucos/pouos anos, ou o que cambiaron as cousas neste tempo fóra do barrio. Pero vendo o mapa que pintaron os meus antigos veciños, descubro que a miña casa estaba xusto onde se cruzan as dúas zonas máis problemáticas. Nunha especie de limbo, que é como se alza en realidade o edificio. Onte víase luz no piso de arriba, que antes estaba deshabitado e polo que sospeito que alguén pagou o elevadísimo cheque que se pedía. E que probablemente valía, hai que dicir.

Durante aquel tempo, había jarana cada vez que xogaba o Dépor e no bar de en fronte xuntábase unha pena ben ruidosa. O dormitorio do retaco quedaba xusto sobre aquel local, e a pobre aparecía no noso cuarto cada dous por tres protestando. Aquelas (poucas/pouas) noites nas que a nena se acostumaba a durmir a pesar do ruído son as únicas que podo lembrar con ganas de abrir a fiestra e soltar un berro.

Aquelas, si, pero tamén a noite na que España gañou o Mundial de Sudáfrica e a policía acampou baixo as fiestras do salón para mediar nunha rifa monumental na casa de en fronte. Un show en toda regra mentres polos tramos non peonís (sospeito que polos peonís tamén) circulaban todos os que aquel día sacaron as vuvuzelas polo portelo para celebrar o gol de Iniesta a bocinazo limpo.

Agora que o Orzán converteuse nun lugar de paso, pregúntome se eu tamén abandonaría o cuarto exterior, ou toda a casa, para durmir coa tranquilidade que botan de menos (e merecen) os veciños. Penso nos emprendedores que nos últimos anos apostaron por revitalizar esta zona con negocios que, máis aló da hostalería, teñen carácter propio, distinto, e que se converteron en parte do barrio. E no sempre difícil equilibrio entre o lecer e o descanso, no que acaban pagando xustos por pecadores. E na oportunidade (oxalá non sexa perdida) de recuperar unha zona peonil que deberían ser coidada con moito máis mimo.