Luis Castedo: «Todo o planeta tiña nos 90 un teléfono GSM europeo. Nokia e Google, esa era a alianza»
A CORUÑA
O enxeñeiro de Telecomunicacións e catedrático da UDC analiza as sucesivas xeracións de tecnoloxías móbiles coas súas guerras comerciais e xeopolíticas asociadas
23 sep 2019 . Actualizado á 20:58 h.A latencia é o tempo que tarda en cargarse unha web, os nanosegundos que necesita un videoxogo para responder ao sinal que envía a man do neno. É o parámetro crave da conectividade futura. Cóntao Luis Castedo, catedrático da facultade de Informática da UDC e enxeñeiro de Telecomunicacións, para explicar o alcance da quinta xeración (5G) de tecnoloxías de telefonía móbil que China está a liderar.
-Agora mesmo os operadores teñen un problema: os datos van por unha banda e a voz vai por outro. Realmente teñen dúas redes sobrepostas. A idea da 4G era precisamente superar iso. A idea do móbil a través de WhatsApp, a través de IP, pero que pasa, que se te corta e iso para nós é inaceptable. Podemos admitir latencias e retardos nunha descarga de ficheiros, pero desde os tempos de Graham Bell acostumámonos a que a conversación telefónica é bidireccional e instantánea. A tecnoloxía IP, a da internet, funciona bastante ben, por exemplo, en Skype, aínda que ás veces tamén ten problemas, córtase, dis oe quita o vídeo que consome moito ancho de banda... Esa é a experiencia IP. Experiencias asíncronas que admiten moita latencia. Por iso a 5G é a que está pensada para dar ese servizo. Non se lle prestaba atención porque había cousas máis importantes, pero agora os coches autónomos, as operacións en tempo real de forma remota, a conectividade coas cousas [un sensor de emerxencia que protexe a unha vítima de violencia machista, un enfermo monitorado] abren unha chea de posibilidades. O usuario estándar, os que nos conectamos para ver vídeos, páxinas web e cousas polo estilo, coa 5G notaremos que vai un pouquiño mellor. Pero sen dúbida é na contorna industrial ou na xestión dun edificio cunha chea de sensores, cando se notará clarísimamente. Nós, non tanto. Porque se sabe que hai que mellorar, pero a cuestión é canto estás disposto a mellorar tecnoloxicamente e canto mellora o teu servizo final. Ese é o gran debate.
-Como?
-É que os investimentos son enormes. Imaxínate, eu ofrézoche conectividade 5G. E ti disme, e que vou notar? Pois ese vídeo de 50 megas que che mandou o colega por WhatsApp, en lugar de baixalo nun minuto, o baixas en 10 segundos. Ah, pois moi ben. E en lugar de pagar 50 euros vas pagar 200. Entón ti vas e dis vale, pois agardo un minuto.
-Non damos o salto, entón.
-O outro día falaba da maldición dos números impares. Da 2G á 3G pasou o mesmo. A primeira foi a daqueles móbiles dos 80 carísimos, grande, asociados a unhas baterías enormes, que consumían unha barbaridade. E peor aínda, cada país cun sistema propio, porque non eran interoperables. Logo pasamos á 2G [Castedo lembra os Nokia dos 90 como unha «verdadeira obra de arte da enxeñería, duraban case unha semana, xamais haberá un móbil tan magnífico, un hardware tan robusto»] cando Europa toma unha decisión estratéxica arriscada pero moi moi acertada: moverse a unha tecnoloxía dixital, o famoso GSM. Nokia fíxose de ouro, porque ninguén máis que Europa desenvolveuno. O único competidor, que era os Estados Unidos, quedou nun sistema moito peor. Falamos dos felices 90, porque Europa tiña uns liderados tecnolóxicos que agora perdeu. Toda a telefonía móbil era europea, víase en América, en Asia, na Oceanía, víase en África. As compañas europeas tiñan a propiedade intelectual, tiñan as patentes, xeraron moitísimo diñeiro. Loxicamente pagaban impostos en Europa e entraba moitísimo diñeiro para poder soportar os servizos públicos europeos. Aquilo foi un éxito e entón decidiuse pasar á 3G, que xa foi máis controvertida, porque aínda que a segunda xeración era dixital estaba orientada ao servizo de voz. Empezaban os datos, pero eran moi rudimentarios, o SMS. Os móbiles non estaban adaptados. Fíxose un salto tecnolóxico sen ter moi claro que aplicacións ou novos servizos avanzados demandaba a sociedade. Entón o teléfono só se pensaba como un sistema para falar, como moito, para mandar un SMS moi cortito.
-E entón chega Steve Jobs.
-E entón chega Steve Jobs e pon todo patas para arriba. Cun dispositivo, o smartphone, que xa non sabes como clasificar, se é un móbil ou un computador. Moita xente valórao máis polos servizos que lle dá como computador pequeno e manexable que por poder falar por teléfono. Entón a 3G empezou a arrincar, enseguida quedou pequena e fíxose o tránsito á 4G con éxito. O tránsito da segundo á terceira foi un fracaso. Houbo xente que perdeu moito diñeiro, poxas carísimas. Florentino Pérez meteu moitísimo diñeiro e bo... É certo que tamén coincidiu coa crise das puntocom, estaba todo moi caldeado.
-Como gaña vantaxe China?
-Chegando tarde. China evolucionou extraordinariamente, porque o bo de chegar tarde é que non tes unha historia e investimentos que che lastran. Entrou directamente na 3G, non tivo segundo nin primeira. Empezou desde cero nunhas condicións moi superiores. Por iso China apostou tan rapidamente polo salto á cuarta e a quinta xeración. E a todo isto súmanse as guerras comerciais, claro. Por que está interesadísima China na 5G? Porque agora ten ela as patentes. E é paradoxal. A 5G naceu en Europa, foi unha iniciativa europea para recuperar o liderado que perdera coa 4G. Pero empresas como Nokia non foron capaces de tecer alianzas estratéxicas. Google andaba buscando un operador de móbil para facerlle competencia a Apple. E non se entenderon, eu non sei o que pasou aí. Quizá pecaron de exceso de soberbia. Non conseguiron sacar un smartphone. Que pasa, que necesitas ter un software e aí Nokia non tiña experiencia. Non o viu vir e agora estamos nunha situación francamente distinta. Agora mesmo coa 5G todos os operadores din que China leva un par de anos por diante de desenvolvemento. É un país comunista, alí o Estado di que hai que facer 5G e faise. Móvese con parámetros moi diferentes. Hai un mercado brutal. Hai mil millóns de chineses, iso é tremendo, A organización social, económica e política é moi diferente das democracias occidentais, con regras de mercado, sistemas democráticos... É doutro xeito.