O progreso apontóase no campus

Mila Méndez Otero
MILA MÉNDEZ A Coruña / LA VOZ

A Coruña

Jorge García

Son un polo de desenvolvemento tecnolóxico e laboral. Nos centros de investigación da UDC de Elviña traballan máis de 800 científicos para os que a visibilidade e a estabilidade é vital

28 jul 2019 . Actualizado ás 22:00 h.

Non parece verán, se a estación estival supón asociar os campus universitarios a un parón. O das vacacións. Aínda que nas facultades non hai clase, a actividade que se desenvolve dentro dos seus laboratorios non cesa. Aquí dependen de proxectos e prazos. A Universidade da Coruña (UDC) conta con catro centros de investigación que, para moitos veciños, son os grandes descoñecidos. Mesmo para moito dos estudantes que cohabitan con eles.

En Elviña están tres. Son o Centro de Investigación do sector TIC (Citic), o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (Cica) e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (Citeec). A cuarta pata investigadora da UDC está no campus de Ferrol, é o Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT). Creados a finais da primeira década do 2000 e cunha ou varias facultades como matriz, concibíronse para dar unha saída a todo o coñecemento xerado nas aulas, transformalo en aplicacións prácticas para a sociedade e conectalo coa empresa.

Un persoal de 800 persoas

Non todos son persoal laboral. Moitos, por exemplo, son doctorandos. Con todo, só no campus de Elviña, Citic, Citeec e Cica xeran un montante de máis de 800 postos vinculados á investigación. Aquí idéanse patentes, asínanse artigos que se colocan en revistas como Nature ou se reciben encargos de multinacionais. «Máis da metade dos proxectos do Citeec son internacionais», indica Félix Sánchez-Tembleque. É técnico superior en Sistemas Mecánicos e o encargado de guiarnos polas instalacións próximas á Escola Superior de Enxeñeiros de Camiños, onde se forman moitos dos seus traballadores.

citeec.Recreando Omán y Langosteira. Más de la mitad de los proyectos del Citeec son internacionales. En la imagen de la derecha vemos una recreación de punta Langosteira. También trabajaron en una réplica del puerto de Omán
Recreando Omán e Langosteira. Máis da metade dos proxectos do Citeec son internacionais. Na imaxe da dereita vemos unha recreación de punta Langosteira. Tamén traballaron nunha réplica do porto de Omán PEDRO MACEIRA

Equipamentos pioneiros

Unha megaprensa de rotura de 1.500 toneladas de forza que custou dous millóns de euros e que só hai aquí, en San Diego (California) e en Ispra (Italia); un xerador de ondas en tres dimensiones; un simulador de choiva; unha réplica dunha plataforma hidrolóxica ou dous túneles de vento son algúns dos equipamentos dun destes centros, o Citeec, especializado no estudo de materiais e infraestruturas. «Traballamos para un estudo sobre a ampliación da ponte de Rande e noutro para a ponte de Messina, que unirá Sicilia coa bota de Italia», resalta Juan Rabuñal, o coordinador do Citeec. Grandes construtoras, pero tamén Patrimonio, cando houbo que reparar a Pedra de Abalar (Muxía), chaman á porta do centro no que traballan 135 investigadores e que pasa moi desapercibido en Elviña. «Moitos non se imaxinan o que hai aquí dentro», asente sorrindo Rabuñal. Realizan estudos de campo, como en Langosteira, a escala e de modelos numéricos. Os seus locais de ensaio son grandes naves que se miden por centos de metros cadrados.

A estabilidade laboral e os orzamentos son a súa atadura. Aínda que captan fondos de institucións privadas coas que traballan, dependen do financiamento público. A proxección para que os seus esforzos calen na sociedade é o outro reto. Divulgar é unha materia pendente na que comezaron a aplicarse.

A ficha dos campus

Citic. O único «singular» da UDC. A facultade de Enxeñería Informática foi o xerme deste centro de referencia en Galicia.

Citeec. Pioneiro en Enxeñería civil. Conta con sofisticados laboratorios de construción, portos, hidráulica ou túneles de vento.

Cica. Aliado do Inibic (Chuac). A biomedicina é outra das áreas estratéxicas a UDC, que colabora aquí co Sergas.

CIT. No campus de Ferrol. O Centro de Investigacións Tecnolóxicas é o único da UDC no campus ferrolán.