Manuel González Penedo, director do Citic: «Xúntanse todos os astros para que A Coruña sexa unha Cidade TIC»

Mila Méndez Otero
M. Méndez A Coruña

A Coruña

citic.Manuel González Penedo es el director del Citic
Manuel González Penedo é o director do Citic PEDRO MACEIRA

Sinala entre os problemas deste tipo de centros o financiamento e a fuga de cerebros

28 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

No 2016 o Centro de Investigación do sector TIC (Citic) converteuse no primeiro Centro Singular de Investigación de Galicia da UDC. É tamén o único recoñecido como TIC na comunidade. A facultade de Enxeñería Informática é a matriz deste espazo situado en Elviña e no que conflúen investigadores da universidade con empresas do sector, a maioría delas spin-off do campus.

-Como afectan os recortes?

-Todos os recortes que houbo este ano levaron a que todo o avanzado sufrise un parón.

-O financiamento é un problema?

-O financiamento é un problema, para empezar, por como son os procedementos. Acudimos a fondos Feder da Unión Europea. Son anuais. Tes que gastar todo no ano, así non se poden facer previsións. Doutra banda, dependemos da Universidade da Coruña. Como en todas as de España, non se lles abre a porta a contratar.

-Segue a fuga de cerebros?

-É un problema enorme. Mentres non poidamos REVISAR reter ás persoas ofrecéndolles certa estabilidade, a fuga continuará. Temos que crear a figura do investigador dentro do mercado laboral. A estabilidade non pode vir só da docencia. En centros como o noso, o capital humano é o maior investimento. Non necesitamos grandes infraestruturas como noutros centros, senón persoal e computadores.

-Chegará a prometida Cidade das TIC, prevista na Fábrica de Armas?

-Xúntanse todos os astros para que A Coruña sexa unha Cidade TIC: un terreo aceptable, centros investigadores relevantes e empresas que comezaron a ver que a innovación e as TIC son o motor do mundo. É unha oportunidade única e creo que chegou o momento.

-Na Coruña, a súa cidade, son conscientes do potencial de espazos como o que dirixe?

-Temos xente de todos os ámbitos que, moitas veces, non se sabe o que están a facer. Unha das nosas investigadoras, Thais Pousada, tivo o outro día unha reunión coa Casa Real como membro do Comité Asesor Feder. Pertence ao comité da Unesco, Pousada é un referente nas TIC. Con todo, a recepción apenas tivo transcendencia.

-Os científicos viven de costas á sociedade?

-Fáltanos proxección, é un hándicap. Cando celebramos sesións de portas abertas, o Citic énchese. Non creo que á xente non lle interese coñecernos. Entoo o mea culpa. Temos que incorporar profesionais que, dalgún xeito, saiban divulgar o que facemos.

Fáltanos proxección, é un hándicap, e aquí entoo o ‘mea culpa'