Mes da ciencia

Guadalupe Vázquez Formoso

CIENCIA

Guadalupe Vázquez Formoso

Cada día suceden pequenos momentos silenciosos e extraordinarios.

Acendemos a luz, podemos tomar un antibiótico se estamos enfermos, consultamos o tempo nun anaco de vidro brillante que cabe na palma da man… e rara vez nos detemos a pensar que todo iso é un milagre sostido pola paciencia humana.

A ciencia é un acto de amor colectivo que nace da tenrura do neno que pregunta «por qué?», unida á coraxe do adulto que acepta non saber a resposta e se somerxe na escuridade para así poder buscala.

É a maior historia de amor —porque nace do desexo de coidar e é unha forma de dicir «non quero que sufras» —, de curiosidade e perseverancia da humanidade.

Detrás de cada vacina ou do cálculo que prevé unha tormenta hai anos de fracasos invisibles. Hai homes e mulleres que se equivocaron cen, mil e dez mil veces, e que ao levantarse de cada caída, escribiron nun caderno unha nova liña de esperanza.

Como dixo algún pensador, a ciencia non nos promete a felicidade absoluta, pero regálanos esperanza e calidade de vida, e a capacidade de non rendernos ante o caos.

Estes días, o calendario lémbranos que a ciencia merece celebración.

Deamos as grazas aos que dedicaron a súa vida a acender pequenos mistos na inmensa noite do descoñecido.

A aqueles que non buscaron aplausos senón proxectar luz para que nós, os que vimos detrás, poidamos ver un pouco máis lonxe