Alberto Uría, vicepresidente de Corripa, que organiza Ciencia na aldea, en Negueira de Muñiz: «Sen gandeiros, o territorio convértese nunha matogueira»

Laura López LUGO / LA VOZ

CIENCIA

O vicepresidente da asociación Corripa, Alberto Uría, en Pena da Nogueira, entre o deputado Daniel García e a presidenta do colectivo, Vanessa Paredes
O vicepresidente da asociación Corripa, Alberto Uría, en Pena da Nogueira, entre o deputado Daniel García e a presidenta do colectivo, Vanessa Paredes CEDIDA

As xornadas internacionais impulsadas pola asociación Corripa buscan divulgar a ciencia no rural e poñer en valor a gandería en extensivo

04 feb 2025 . Actualizado a las 15:39 h.

Achegar a ciencia ao rural e acercarlles aos científicos a realidade das aldeas lucenses son dous dos obxectivos das xornadas internacionais Ciencia na aldea, que este ano chegarán á súa cuarta edición. A iniciativa de divulgación científica, de carácter gratuíto e aberta ao público en xeral, terá lugar os días 25, 26 e 27 de abril, na aldea de Pena da Nogueira, en Negueira de Muñiz, o municipio con menor densidade de habitantes de Galicia.

Durante tres días, decenas de investigadores, científicos, gandeiros, produtores e divulgadores ambientais e culturais de España e Italia participarán nas charlas e debates. Ciencia, agrogandería, medio ambiente, desenvolvemento rural, arte e poesía se aúnan no programa de actividades previsto para esta cuarta edición, que organiza a Asociación Corripa, co apoio da área Rural da Deputación de Lugo, e que se converteu xa nunha das máis singulares iniciativas de divulgación científica de conservación do medio ambiente e do territorio no panorama estatal.

As xornadas volverán celebrarse no Ecomuseo El País del Abeyeiro. A inscrición, de balde, abrirase en abril, na web asociacioncorripa.org. Alberto Uría, apicultor, garda forestal e vicepresidente de Corripa, explica o espírito das IV Xornadas de Desenvolvemento Rural Ciencia na aldea.

—Como naceron estas xornadas?

—Como un intento de organizar actividades de divulgación científica na aldea na que vivimos. Por un lado, buscamos que os científicos coñezan o medio rural e, por outro, queremos darlle á xente a oportunidade de participar en charlas e debates con algúns dos mellores científicos do mundo. Trátase de achegar a ciencia á xente, que non se vexa como algo arisco, senón como algo próximo. Falarase de botánica, de neurociencia, de conservación da natureza... E todo isto tamén é posible grazas ao apoio da Deputación de Lugo.

—A quen van dirixidas?

—Á poboación en xeral, e son gratuítas. Temos o hándicap de que o aforo é pequeno (55 prazas); de feito, sempre as enchemos. Ciencia na aldea esperta moito interese e ten vido xente da Coruña, Ponferrada, Canarias... Así que esta iniciativa tamén supón unha inxección económica para a zona.

—Como será o programa deste ano?

—Temos o 80 % do programa pechado, pero pouco podemos adiantar aínda. Participarán, por exemplo, expertos como Carlos de Hita, que grava sons da natureza, o biólogo Javier Castroviejo ou o ornitólogo Antonio Sandoval Rey. Tamén haberá música, poesía... Ademais, contaremos coa presenza dos organizadores do famoso Festival das herbas espontáneas, que cada ano desde hai 38 celebra a chegada da primavera na localidade de Ussaramanna, na illa italiana de Sardeña. A idea é que Ciencia na aldea se irmande con este importante festival. En maio, iremos nós ao festival italiano. Deste xeito, combinamos tamén o eixe vertebrador de Ciencia na aldea, os insectos, co do festival de Sardeña, as flores. Por outro lado, tamén queremos poñer en valor a gandería en extensivo, que é unha parte esencial da biodiversidade.

Imaxe de arquivo da iniciativa Ciencia na aldea, en Negueira de Muñiz
Imaxe de arquivo da iniciativa Ciencia na aldea, en Negueira de Muñiz

—Cal é a importancia da gandería en extensivo?

—A gandería en extensivo é fundamental para diversidade de hábitats de a riqueza das especies. Un pequeno detalle, por exemplo: nos muros de pedra seca viven moitos insectos e anfibios. Grazas aos pequenos gandeiros, consérvase esa «paisaxe mosaico». Sen gandeiros, o territorio convértese nunha matogueira monoespecífica. Así que nós queremos reivindicar a instalación da xente nos territorios rurais, de maneira sostible. Imos poñer en valor, con nomes e apelidos, á xente que traballa polo rural e coida a paisaxe día a día, sobre o terreo, non só aos científicos; promovemos así a convivencia dos dous sectores.

—Canta xente vive da gandería en extensivo na montaña de Lugo?

—É difícil ter o cálculo exacto. Na cooperativa A Carqueixa, de Cervantes, son 219 familias; en Asgafon, da Fonsagrada, un cento delas; e hai máis concellos con gandeiros en extensivo. É certo que cada vez vai a menos, pero aínda queda futuro. Por iso é necesario dignificar o seu traballo, poñelos no foco e prestixiar o labor que están facendo.

—É tamén ese un dos obxectivos da asociación Corripa?

—Si. Corripa somos unha pequena entidade sen ánimo de lucro, con 43 socios, que promovemos a conservación da natureza e do patrimonio. Neste sentido, tamén buscamos poñer en valor aos gandeiros en extensivo. Ademais, temos varios proxectos en marcha, coma o xardín de polinizadores ou outro sobre o papel da muller na ciencia. Moitos dos integrantes son biólogos, ambientólogos... e outros profesionais relacionados co sector da natureza. A sede témola en Pena da Nogueira e desde aí buscamos sempre promover actividades en favor da montaña de Lugo.