Deixar de competir non é unha opción

Miguel García
Miguel García LUGO / LA VOZ

CDLUGO

OSKAR MATXIN / LOF

29 abr 2026 . Actualizado á 17:41 h.

Existen moitas definicións do termo competir, unha podería ser a capacidade de loitar, rivalizar ou contender entre si varias persoas ou entidades para lograr un mesmo fin, obter superioridade ou acadar un premio. Implica disputar algo con empeño, igualar a outra cousa análoga ou prepararse para non ceder terreo ante un opoñente, enfocándose no proceso.

Este termo é bastante utilizado en calquera actividade deportiva e engádese agora en termos profesionais en calquera traballo e ocupación. Como o fútbol é o que nos chega á alma, os adestradores cando iniciamos un proxecto adoitamos en ocasións abusar ou simplemente empregar esta palabra para advertir da importancia de chegar canto antes a un estado competitivo idóneo do equipo para poder gañar ou determinar os obxectivos.

A competitividade ten varios indicadores, o talento dos xogadores por suposto, a condición física, o estado de forma e sen dúbida a súa motivación e compromiso no proxecto. Só un destes indicadores non sofre variación especialmente en xogadores xa formados, refírome o talento. Aínda que por si só, non sería suficiente para acadar o mínimo. Os demais están suxeitos ao adestramento, ao crecemento dentro da tempada, ao seu grao de implicación e protagonismo. Estes parámetros na súa máxima expresión poden facer que un futbolista teña un rendemento por amais da previsión, co cal vai sumar ao colectivo e este vai ser o gran beneficiado. Pola contra, se ditos parámetros non están aliñados e o seu rendemento está por baixo das expectativas, a súa achega ao colectivo vai ser escasa.

Para o afeccionado, o indicador máis potente é o resultado, é lóxico. Gañar é o mellor síntoma de que as cousas funcionan e facelo con regularidade é un claro síntoma da evolución do equipo. Con todo, para os técnicos non é posible gañar ou estar en disposición de facelo de xeito recorrente se non se acada o mínimo competitivo. É dicir, primeiro competir para poder gañar.

O Lugo neste momento dá síntomas alarmantes de falta de competitividade. Son os mesmos xogadores, coas mesmas camisetas, na mesma categoría. En todo caso están lonxe do triunfo debido a un rendemento individual e colectivo que non lles permite enfrontar os partidos en disposición de gañalos. Non vexo falta de actitude, xa o comentei neste mesmo espazo hai varias semanas. Intúo un decaimiento xeneral aguilloado pola sensación de frustración e de non ver reflectidas na clasificación as expectativas xeradas. Convén sacudirse a desilusión e reaccionar de xeito activo. Sempre hai algo polo que competir porque deixar de facelo, contaxia de forma severa ao resto do equipo, faiche vulnerable ao desánimo e reactívase na túa mente o virus daniño do conformismo.