Oportunidade perdida para o Lugo

LUIS CONDE LUGO / LA VOZ

CDLUGO

Laura Leiras

O equipo albivermello só foi capaz de empatar ante o Arenas

23 mar 2026 . Actualizado á 11:06 h.

Non aproveitou o Lugo a oportunidade que se lle presentaba para acadar a terceira posición da táboa clasificatoria do grupo primeiro da Primeira Federación e situarse de novo en postos de play-off de ascenso.

O conxunto albivermello non pasou do empate ante un Arenas, que, sobre todo na primeira parte deu a cara e opuxo resistencia aos locais. Non só marcaron o gol do empate, senón que gozaron de ningunha outra ocasión para anotar algún tanto máis.

O Lugo si que gozou de numerosas oportunidades nun partido intenso e frenético, sobre todo na primeira entrega. Pero a falta de puntería pasou factura aos xogadores de Yago Iglesias, que suman dous partidos sen coñecer a vitoria no coliseo albivermello.

A posta en escena dos dous equipos foi electrizante, con clara vocación ofensiva e con futbolistas desenfadados buscando a portería contraria. O choque apuntaba a converterse nunha ida e volta, que, nada tivo que ver coa segunda entrega, que resultou máis pausada.

Esta imaxe traduciuse en ocasións. O Lugo tivo a primeira por medio de Gallar, que probou un lanzamento desde fóra da área que saíu lixeiramente desviado da meta de Aragoneses. A resposta chegou no minuto 11. O porteiro albivermello, Marc Martínez, rexeitou coa súa perna un centro lateral, que de superalo, suporía un remate de Borikós, que apuntaba a gol. Pero unha vez máis aí estivo no cérbero do Lugo, que o pouco traballo que tivo, saldouno con solvencia.

A ocasión máis clara de gol chegou no minuto 13. Unha perfecta combinación entre os dous dianteiros albivermellos Unzueta e Reniero acabou nun un contra un do arxentino contra o meta visitante, que rexeitou o disparo.

Un minuto despois, Pere Haro estrelou un centro-chute no traveseiro da portería do Arenas. Estaban a ser uns minutos moi bos dun Lugo, que se achegaba ao gol. Álex Balboa nunha xogada persoal, con autopase incluído, estivo a piques de marcar, pero Aragoneses interceptou antes o balón.

Pero no minuto 22, a ocasión si acabou en gol. E unha vez máis apareceu Iker Unzueta. A xogada naceu dun roubo de balón de Álex Balboa, que asistiu a Gallar, e este á súa vez deixoulle a pelota na frontal da área a Unzueta, que cun disparo raso bateu a Aragoneses. Foi o 1-0.

Este tanto entoou aínda máis a un Lugo, que puido porse cun 2-0 tres minutos despois, pero Jorge González non finalizou ben tras unha asistencia de Unzueta. O canteirán só ante Aragoneses envioulla ás mans.

O Arenas contestou con dúas ocasións máis. Á media hora, Colado tras asistencia de Vizcay envía a pelota por amais da portería albivermella.

Gol con revisión

Pero aos 37 minutos chegou o gol do empate do Arenas. Perera despexou mal un balón, que chegou aos pés de Zabaleta, que bateu con mestría a Marc Martínez. Nun primeiro momento, o tanto foi anulado por fóra de xogo. Pero despois dunha longa revisión do FVS, o árbitro do encontro deu validez ao tanto.

E con este 1-1 concluíu unha primeira parte, na que deu a sensación de que os futbolistas de Yago Iglesias desaproveitaran ocasións claras para irse ao vestiario gañando e con vantaxe.

Na segunda parte, o control do partido tívoo o Lugo, do mesmo xeito que as ocasións. O Arenas apenas inquietou a meta dun Marc Martínez, que foi un espectador máis. A única oportunidade clara tívoa Fidalgo no minuto 64. Pero, salvo esta acción, os visitantes non tiveron opcións de marcar.

Si tivo o Lugo. Nos minutos 53 e 56, o dianteiro arxentino Nico Reniero dispuxo dunha dobre oportunidade. Na primeira, o seu remate dentro da área neutralizouno as costas de Borikó, e na segundo cabeceou un balón que saíu lixeiramente desviado da meta de Aragoneses.

Houbo polémica nesta entrega. Os lucenses pediron penalti por unha derriba de Borikó sobre Samanes, pero tras a revisión no FVS a pedimento de Yago Iglesias, o árbitro mantivo a súa decisión inicial. A última ocasión clara foi para o Lugo, pero Teofilovic non chegou a rematar só unha asistencia de Samanes. Os minutos foron pasando e o partido foi languidecendo para acabar con empate (1-1).

LUGO: Marc Martínez; Iago López, Josep Amo, Garriz, Pere Haro; Álex Gallar (Kevin Presa, min.63), Álex Balboa (Borja Sánchez, min.74), Perera (Samanes, min.63), Jorge González (Lago Júnior, min.74); Nico Reniero (Teofilovic, min.81) e Iker Unzueta.

 AREAS: Aragoneses; Vizcay (Mattheus, min.84), Sustatxa (Mutilva, min.79), Sillero, Paul Álvarez; Urko Colado (Marcos Fernández, min.55), Álex Hidalgo (Bazaga, min.79), Verde, Zabala; Borikó Saká e Zabaleta (Troncho, min.55).

 GOLES: 1-0, min 22: Unzueta. 1-1, min 37: Zabala.

 ÁRBITRO: Ignacio De Santiesteban. Amoestou aos futbolistas do Arenas Urko Colado, Zabaleta, Borikós, Sustatxa e Sillero.

 INCIDENCIAS: Partido do grupo primeiro da Primeira Federación, que se disputou no estadio Ángel Carro, no que se deron cita un total de 2.506 afeccionados.