A costa de xaneiro é un deses momentos do ano especialmente críticos para o consumidor, superalo supón un triunfo incontestable, aínda que non exento de esforzo, sufrimento e algunha que outra restrición. Coa chegada do novo fútbol hai algúns anos, xaneiro supón para os clubs e especialmente para a área da dirección deportiva un momento de máximo estrés e fatiga que afortunadamente ten data de caducidade nos primeiros días de febreiro.
Finalizado ese período, os que estiveron na pelexa, descansan por fin. Imaxino o desgaste acumulado e a necesidade de recuperar forzas e enerxía para o que vén, aínda que xa dun xeito máis sosegado porque se ten algo de bo esta explosión de idas e vinda é que pouco máis se pode facer no que se refire á confección do persoal e xa de forma definitiva estes son os xogadores en cuxa responsabilidade xunto co corpo técnico, recae o devir do equipo no que resta de tempada.
No que respecta ao CD Lugo, as incorporacións responden a dous perfís, o curto e o medio prazo. Non parece fóra de contexto esta dobre elección se temos en conta a declaración de intencións da nova propiedade desde o inicio da súa xestión. No curto prazo, confeccionar un persoal o máis competitiva que se poida para no menor tempo posible acadar a categoría superior e doutra banda e de xeito complementario, no medio prazo, adiantar ciclos na formación de xogadores da canteira e incorporar talento mozo que poidan en ambos os casos crecer, facer crecer ao club e posibilitar futuros traspasos que acheguen músculo financeiro á entidade para acometer proxectos cada vez máis ambiciosos.
Luces curtas para as curvas máis próximas e luces longas para as rectas. Paréceme congruente coa súa previsión inicial, aínda que non teño dúbidas de que o perentoria, o urxente son as curvas máis próximas, é dicir o inmediato. Cando en xullo empezan a deseñarse os equipos, case todo aparenta certa provisionalidade, sempre queda a fiestra de xaneiro, para axustar porcas, como literalmente comentou Yago Iglesias. A partir de agora o que hai é o que conta.
Por diante queda gañarse o dereito para xogar unha fase de ascenso e se é o caso, abordala con opcións. Nin é doado a tarefa, nin é imposible o labor. Algo teñen as segundas voltas que todo o enredan, onde cada punto dá a impresión de loitarse máis e custar o dobre conseguilo.
A mentalidade coa que se afrontan os encontros non é a mesma, o factor psicolóxico toma partido por diante de cuestións técnico-tácticas. Cada acción dispútase ao límite e as innumerables lecturas que se distinguen en cada partido comportan alteracións e modificacións ás que hai que responder de xeito convincente. Non é momento de titubeos nin de dúbidas, é tempo de determinación, unidade, decisión e firmeza.