Manuel Couso é empregado do CD Lugo e exerce o seu labor como utillero do primeiro equipo. Coñézoo desde hai moitos anos e teño a honra de compartir con el o primeiro ascenso do club a Segunda División en 1992.
Durante o partido da xornada pasada en Avilés, pensei varias veces nel, na súa faena e imaxineime o duro traballo que lle agardaba unha vez concluíse o encontro. Organizar, clasificar, separar os quilos de roupa empapada e co barro acumulado. Non debeu de ser tarefa doado volver introducir toda a equipaxe nas mesmas bolsas e baúis que viaxaron na ida.
Couso e eu vivimos moitos partidos cun colorido similar, onde o inicial verde íase mesturando no transcurso do partido cun marrón pastoso que se pegaba ás botas e que a duras penas iamos sacudindo. O do domingo pasado pódese cualificar de fútbol en estado puro, aínda que xa superado especialmente en categorías profesionais, de cando en vez fai a súa aparición para lembrarnos de onde vimos.
En todo caso, aínda que as condicións non eran as máis adecuadas, creo sen ningunha dúbida que as oportunidades aparecen cando menos agárdascho e coincidencia, casualidade ou causalidade, poida que ese partido marque un ciclo dentro da tempada. O modelo de xogo do equipo está caracterizado desde o inicio de tempada por un fútbol combinativo, cun perfil de xogador que responde a unha mentalidade netamente ofensiva, con talento e calidade técnica contrastadas.
O balón é o protagonista e o plan é chegar á área adversaria a través da combinación e mobilidade permanente de xogador e balón. Pois caprichos do fútbol e de todo o que encerra este deporte, este equipo pode consagrarse nun terreo de xogo que está nas antípodas do que require o seu estilo.
Os equipos evolucionan, crecen, non sempre nas mellores circunstancias e poida que este equipo necesitase un partido como o do pasado domingo para afianzar o seu compromiso. Enfrontarse a un rival nunhas condicións como as do estadio avilesino para definitivamente crer en si mesmos. Recoñecer que conforman un equipo competitivo. Ser capaces nas condicións máis duras, non só gañar, se non de sobreporse a un gol encaixado case no quecemento, a un terreo de xogo que ben se podería aproveitar como escusa e ninguén o rebatería, e eu diría convencerse eles mesmos do protagonismo ascendente que lles agarda porque agora saben que o play off xa é un obxectivo que non o van a deixar escapar.
Non teño ningunha dúbida de que Couso, desde a súa parcela, nese vetusto estadio, cun diluvio amais, cun céspede reconvertido en barro, presentiu que hoxe era o día. O talento ao servizo do equipo, a intelixencia aliada da efectividade.