Jorge supera amplamente a cifra de cincuenta partidos no CD Lugo. Poida que sexa un bo momento para facer un balance. Para comezar, chegar a esa cifra sendo canteirán xa de seu merece un recoñecemento. Non é habitual nin estamos acostumados celebrar que un futbolista lugués acade eses
algarismos, o cal quere dicir que está plenamente afianzado e consolidado no equipo, ademais de ser un dos poucos que continúan da anterior tempada tendo en conta a renovación practicamente total do persoal coa chegada da nova propiedade.
A súa integración é total e o seu protagonismo crece de forma significativa. En todo caso creo firmemente que pola súa idade está en plena formación. O cal me xera un especial optimismo e grandes expectativas referente ao seu presente e futuro futbolístico. Jorge é deses xogadores que poderían xogar ao fútbol en calquera período da historia. Non especula, xoga sempre ao límite e sempre mira cara adiante. É explosivo e disputa con tanta enerxía cada acción con balón e sen el que altera e axita aos afeccionados. Cando lle chega o balón, sabes que a velocidade do xogo vai cambiar. Non se garda nada en cada xogada e non coñece a palabra pausa.
Ten un camiño por percorrer e estao xestionando ao meu modo de ver de forma exemplar. Necesitará axuda para mellorar no seu xogo como todos os futbolistas, pero é importante que non perda a esencia do que o fai diferente. Co apoio do corpo técnico e compañeiros mellorará cando atacar e cando temporizar. Terá un maior control do espazo e do tempo.
O seu labor defensivo irá adquirindo un maior dominio. Posicionarase mellor e atacará os espazos cunha maior coordinación e con iso estará en mellor disposición para ao gol. Coordinará mellor os centros e converterase nun asistente de luxo. Todo isto sen dúbida chegará porque ten actitude, aptitude, humildade e non lle asusta o traballo. Os demais tamén temos a nosa misión, animalo nos momentos máis complicados e esixirlle cando todo sexa estupendo.
Atesoura na miña opinión unha cualidade pouco frecuente nin en futbolistas mozos nin en adultos, acepta de forma acertada o código do fútbol. Saír no once inicial ou incorporarse en calquera momento ao partido non lle cambia a súa posta en escena. Paréceme unha interpretación en grao sumo adecuado de cando un pode ser útil e non perder a oportunidade de demostralo. Isto non quita nin máis nin menos ambición. Pero entre tanta formación non nos esquezamos que Jorge é rápido, é incisivo, é explosivo, é vertical, e estas características non é sinxelo atopalas.
Non será doado retelo se o camiño segue sendo ascendente, non sería necesario nin aconsellable facelo nin para el nin para o propio club. Entre tanto, sigamos gozando do seu xogo, da súa progresión e da súa exquisita sinxeleza e amabilidade.