Yago Iglesias: «A valoración é positiva, pero o punto sábenos a pouco»

Luis Conde LUGO / LA VOZ

CDLUGO

LOF

12 oct 2025 . Actualizado á 16:02 h.

O adestrador do CD Lugo, Yago Iglesias, acabou satisfeito coa imaxe que deu o seu equipo. Iso si lamentou non poder sumar os tres puntos en xogo. «A valoración é moi positiva, pero o punto sábenos a pouco. Creo que competemos moi ben nun campo complicadísimo. Xa comentei na previa que este era o desprazamento máis complexo», indicou o preparador albivermello ao termo do encontro.

Iglesias considerou que os seus tiveron numerosas ocasións para levarse os tres puntos. «Tivemos ocasións suficientes e creo que o Lugo no cómputo xeral do partido foi merecedor dos tres puntos. Ao final isto non vai de merecelo, senón de conseguilo. Polo que agardamos facer bo este punto gañando a próxima xornada na casa», engadiu o adestrador do Lugo.

O técnico albivermello destacou a boa capacidade de adaptación que tiveron os seus futbolistas ao terreo de xogo de Gobela. «Tiñamos o plan de partido claro. Dominamos ao Arenas desde a fase defensiva quitándolle o tempo e o espazo. Si é certo que nos primeiros minutos tivémonos que axustar, démonos conta un pouco de por onde ía o partido e a partir de aí creo que estivemos moi ben. E a segunda parte paréceme dun nivel moi alto pola nosa banda, sobre todo a nivel defensivo», indicou Yago Iglesias.

As ocasións

O adestrador do Lugo destacou o traballo dos seus e fixo fincapé nas poucas xogadas a balón parado no tocante a faltas que tivo o Arenas. «É un campo no que hai moita falta en campo contrario, a pelota chega moi rápido dunha área a outra, moito córner. Falo de memoria creo que hai dúas faltas na primeira parte e no cómputo global do partido, o Arenas tiven dous córneres, o que é unha bagaxe moi pequena para o que adoita xerar este equipo aquí na súa casa. E iso fala de que estivemos moi ben defensivamente», afirmou.

Para rematar, Iglesias insistiu no pouco premio que levou o Lugo do municipal de Gobela. «Imos amolados e dóenos, porque fixemos todo o que estaba nas nosas mans para sumar os tres puntos. Pero seguramente, o fútbol así o demostra semana tras semana, haberá outros partidos nos que tiraremos unha vez e marcaremos esa», concluíu o adestrador do CD Lugo.