O Lugo estrea no Anxo Carro a súa enésima reconstrución

David Cofán Mazás
David Cofán LUGO / LA VOZ

CDLUGO

LOF

Debut do sexto adestrador en dous anos contra un Fuenlabrada enrachado

08 mar 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Oito días despois de que o Consello de Administración cesase a Mehdi Nafti por sorpresa, o conxunto albivermello ten un duelo crave nas súas aspiracións. Esta noite (21 horas/Movistar A liga) o Lugo recibe ao Fuenlabrada no seu estadio, intentando capear o temporal dos últimos días cun vello coñecido no banco, Luis César Sampedro.

Cando despides a un adestrador a seis puntos do descenso, invicto na casa e cunha relación moi estreita co vestiario, a presión multiplícase para o recentemente chegado. Máis se cabe tendo en conta a nula paciencia dun máximo accionista que fará debutar hoxe ao décimo adestrador en apenas cinco anos. O periplo do arousán non será doado, camiña sobre un arame no que un tropezóns pode alentar as críticas dos nostálxicos de Nafti, ata os de Juanfran. Perder contra o Fuenlabrada non parece unha opción se quere emular o seu bo facer na súa anterior etapa na entidade.

Volven pezas craves

Con catro días de adestramentos Luis César conta con moi pouco tempo para conseguir imprimir o seu estilo a un equipo encorsetado na solidez do seu antigo técnico. Na rolda de prensa previa ao partido afirmou estar a realizar algunhas variacións, nos «arranxos» cos que elaborar un estilo no que se lle identifique. «Cada un ten o seu estilo e a súa forma de ver as cousas. Gústame o fútbol ao meu xeito», indicaba o de Vilagarcía.

Para iso vai ter a fortuna de cara con respecto aos efectivos dispoñibles. O Fan, Borja Domínguez, Arvin Appiah e Hugo Rama estarán dispoñibles. Salvo Borja, futbolistas esenciais no xogo do Lugo, achegando solidez, frescura, imaxinación e desenvoltura. Só Fran Vieites será baixa tras confirmarse o seu positivo por coronavirus. O club actuou con velocidade para illar ao xogador e realizar cribados ao persoal e corpo técnico, polo que non hai que lamentar máis casos que debiliten ao conxunto lucense.

A incógnita principal será o mencionado estilo, que se presupón máis dinámico e ofensivo ao novo técnico.

Un rival á alza

O Fuenlabrada atópase dous puntos por amais do Lugo, recuperando sensacións da man de José Luis Oltra. O valenciano leva un mes no cargo e aínda non coñece a derrota, con tres empates contra Almería, Oviedo e Xirona e unha vitoria fronte ao Castelló.

Luis César: «Agardo non gafar o refacho na casa»

O novo adestrador do Lugo sabe dos perigos do rival desta noite. Para Luis César o Fuenlabrada é un equipo complexo, contra o que manexar o ritmo do partido será clave. As poucas horas de adestramento impiden ao arousán axustar ao equipo ao seu gusto.

«Vai ser un partido de moita intensidade física e futbolística. Non queremos que se siga a súa partitura, hai que contrarrestar o que propoñan. O que máis me preocupa é as chegadas á área do rival e do equipo. Cada un escolle o seu camiño, pero para min o máis importante é contabilizar o que concedes e o que xeras, a partir de aí analizaremos se o resultado e o rendemento falan o mesmo ou cousas distintas», explicou Luis César.

A raíz diso, insistiu no caprichosos do fútbol que non sempre compensa a quen máis o merece. «Non se pode falar en contra dun resultado. Hai equipos que tiran 24 veces e perden e os que xogan un fútbol para sobrevivir e gana, hai que saber convivir con estas cousas», analizou.

O técnico quitou presión con respecto a unha hipotética derrota na casa. A súa experiencia permite xestionar estas eventualidades con calma, centrándose no estritamente deportivo. «Agardo non gafar o refacho na casa. Coñezo o club estiven aquí e isto pasa en todos os clubs, trátase de gañar méritos, pero non penso niso, só estou centrado no partido. Non me conduce a nada ter un pensamento negativo cunha derrota nin un positivo cunha vitoria. Estou a pensar no luns ás nove da noite, non ás once», declarou.

Tras un ano sen adestrar, será o seu primeiro partido en pandemia. «Para min é estraño estar no Anxo Carro sen xente, o peso da afección sempre xogou un papel importante. Os mozos de todos os xeitos están adaptados, téñeno asimilado. No meu caso, non coñezo este fútbol en pandemia», afirmou Luis César.