Juan Sousa Pérez, «Nito», madeireiro retirado: «Cheguei a adiantar nove millóns de pesetas para poder mover a madeira»
VIMIANZO
Agora xubilado, dedicou a súa vida a traballar no serradoiro que herdou do seu pai
15 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A vida de Juan Sousa Pérez (Vimianzo, 1939) comeza na Piroga, un lugar da parroquia de Bamiro en Vimianzo, onde se estableceu seu pai para formar unha familia. Juan Sousa Genovevo chegou á zona con só 11 años. Viña dende Portugal e, como tantos outros compatriotas, rematou por dedicarse ao negocio da madeira. Unha vez casado e feita a casa «cunha finca de 45 ferrados» tivo o matrimonio un total de sete fillos, cinco homes e dúas mulleres. Juan (ou Nito como o coñece moita xente) foi o máis pequeno de todos e dende os 13 anos —aínda que se incorporaría como tal aos 15— xa comezaría a axudar no negocio familiar «carretando pinos ao lombo», xa que naquel momento aínda non procesaban a madeira, tan só a movían: «E así estou agora escangallado», resalta.
Máis tarde sería o encargado de conducir o camión para levar a madeira, posto que herdou dun irmán cando este casou, aínda que, como non lle gustaba moito, confesa Juan, rematou por convencer a seu pai de mercar un tractor. Non tardaría moito en encargarse do serradoiro que abriu o seu pai que, debido a un desafortunado accidente, morreu novo, polo que Juan quedou ao mando do negocio con tan só 22 anos: «El era un home moi traballador e moi aforrador, fixo aínda máis ca min», recorda Sousa.
Foron uns inicios duros, nos que non houbo moito beneficio. Porén, con moito traballo, Nito foi sacando o negocio adiante: «Traballei coma un burro», asegura. Pero ese esforzo tivo recompensa e no ano 1969, antes de cumprir os 30, xa comprara o solar e fixera a súa casa «sen ir ao banco para nada» e, coa sua muller tiveron 10 fillos (sete nenas seguidas).
O negocio en auxe non lle librou de facer contas complicadas: «Cheguei a adiantar nove millóns de pesetas para poder mover a madeira» e tampouco escatimaba nos seus traballadores cando atopaba a alguén bo. Como el mesmo di: «Un obreiro de Sousa non se deixa marchar». Tampouco esqueceu algunhas débedas: «No ano 1967 quedoume a deber un millón de pesetas un empresario de Bilbao, ameazouno a ETA e tivo que fuxir, daquela nunca me pagou».
Cos seus negocios chegou lonxe. Barcelona, Murcia e, incluso, durante os anos 80, Juan asociaríase con outros dous empresarios para vender madeira a Marrocos: «Embarcábamos en Corme», recorda. Algunha vez incluso o facía el persoalmente: «Eu non era de estar na oficina, tamén traballaba coma os demais» e, sobre si mesmo, Nito afirma que: «Non me considero un home listo, pero son traballador».
Agora, con 87 anos e logo de retirarse no 2006 con 65, segue indo algunha vez polo serradoiro, que xestiona o seu fillo Pablo, aínda que, asegura, «só para mirar», xa que arrastra problemas nas costas dende neno e, agora, súmanse problemas de mobilidade.
As claves dun bo negocio son ter paciencia e algo de «picardía»
Se algo caracterizou a traxectoria de Nito Sousa foi que nunca parou de moverse tentando buscar o mellor trato e o mellor acordo para comprar ou vender madeira. «Algún queixábase de que non tiña pinos, pero a min nunca me faltaron», asegura.
Para el, a clave era ter «simpatía e paciencia coa xente», aínda que non podía faltar «un pouco de picardía», porque moitas veces «non che corresponden como queres» e se queres acadar o trato debes «deixar todo amarrado». Comenta que onde compraba «xa era para sempre» porque, asegura: «Nunca lle fixen trampas a ninguén e a xente vendíame os pinos de boa gana». Ademais, algo que sumaba era que «sempre pagaba ao momento», di Nito.
Iso non lle aforrou esforzos. Narra que antes «medíase e cortábase no monte», polo que ten estado «domingos enteiros medindo madeira», con xornadas que comezaban ás oito da mañá e non remataban ata a noite.
Recorda unha ocasión, en Sardiñeiro, cando negociou una venda cun veciño de Fisterra arxentino. Sousa achegouse un domingo á chousa que quería vender e viu, que debía de ter uns 4.000 pinos. «Ofrecinlle catro millóns de pesetas e vin que poñía mala cara, daquela conteille un conto de que tiña que volver a medir a madeira», conta Nito. Volveu logo duns días e xa lle ofreceu seis millóns «e xa a cara lle cambiara, pero dixo que tiña que consultalo cun familiar». Finalmente, e para pechar o trato, «porque despois quedas sen nada», Nito e o arxentino acordaron en 6,2 millóns de pesetas.