Teté e O Revoltixo de Carantoña inician este venres os Cantos-Contos de Nadal de Vimianzo
10 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Volverán a Vimianzo este venres os Cantos de Nadal, aínda que, como ben di rindo Teresa Ferreira, «no noso caso serán contos». Teté Teatro de Salto e O Revoltixo de Carantoña, o grupo de gaitas que levará a música, encargaranse este ano dos percorridos culturais que impulsa o Concello polas 14 parroquias: comezarán por Castrelo e rematarán na Praza da capital municipal, o 22 de decembro.
Ferreira é unha das tres integrantes de Teté, xunto con Sara Rodríguez e Caridad Albela: «Tres amigas de toda a vida, Caridad algo máis recente, porque emigrou a Suíza moitos anos, e de volta quíxose incorporar ás actividades da parroquia. Atopounos a nós, gustáballe o teatro, e coincidimos no grupo municipal. Integrámonos tan ben que hai uns anos decidimos facer sketchs por libre. Á xente foille gustando e así chegamos ata este ano, no que o Concello se fixou en nós para estes percorridos. Contos de Nadal... Que nós cantar non cantaremos», avanzou onte Teresa en Radio Voz.
Polo medio, ese talento natural das tres teatreiras de Teté foi chegando á Carballeira de Zas, ás Festiletras, aos premios Territorio Vákner, ao congreso Alza Voz de Muller ou á beira da soprano Soledad Vidal, hai nada, só por citar algúns exemplos: «Nin nos nosos mellores soños pensamos nunca en chegar a todos eses lugares. Isto para nós é unha afección, pero tamén nos trae o orgullo de estar ao lado de toda esa xente. Empezamos por casualidade, logo de darnos conta do integradas e compenetradas que estabamos cando faciamos isto xuntas, só cunha mirada...».
O de Teté ten sido chamado «etnoteatro», porque iso fan, ilustrar sobre etnografía mentres representan unha peciña, algo que para os seus seguidores en redes mesmo supón acompañamento: «O noso é o rural, falar das cousas que nos pasan e nos pasaron, pasado e presente ao que intentamos sacarlle un punto de retranca. O que máis distingue a Teté é a recuperación de tradicións, e sobre todo de cousas que lle ocorren á muller, ela sempre está presente. Falamos da muller actual, pero tamén da que había hai uns 50 anos. Que salto tan grande deu este modelo de vida! Tiven a sorte de vivir de nena aquel tempo de atrás, o que tiveron miña nai, miña avoa... Iso traémolo á actualidade. Creo que a este noso mundo que vivimos lle fai ben lembrar aquelas tradicións», contou Teresa en conversa con Fran Rodríguez. A idea nas unitarias e locais polos que pasarán é abrir coa animación musical de O Revoltixo, intervir logo Teté e rematar de novo con festa, convidando aos presentes a erguer o cu da cadeira e, por que non, botarlle ata unhas bailas, Teresa, Sara e Caridad de primeiras.
A temática desta volta terá que ver co Nadal de onte e hoxe, non podía ser doutro xeito, por máis que as Teté xa se teñen visto en moitas. No mar, entre o millo, patinando sobre xeo, cosendo nesa obra A costureiriña que tantas lembranzas esperta no seu público de mediana idade, pero que tan ben ten enganchado ata aos nenos... «Non sabes o ben que o pasamos facendo todo isto, e se é en espazos naturais xa... Con que a xente o pase a metade de ben do que nós o pasamos xa estaría moi ben», di Ferreira. Tiran dalgún pequeno guión nutrido de aquí e de alá, «sempre temos algunha axudiña e consellos», e logo suman a improvisación e entendemento entre elas. Agarda que a xente pase «un bo anaco», pero advirte rindo sobre as expectativas: «Non somos profesionais! Non somos Touriñán!».
CANTOS DE NADAL: ASÍ SERÁ O PERCORRIDO
Venres 12 de decembro
- 20.00 horas | Escola de Castrelo
Sábado 13 de decembro
- 18.00 horas | Escola de Carantoña
- 20.00 horas | Escola de Pasarela (Calo)
Luns 15 de decembro
- 18.00 horas | Escola Cultural de Carnés
- 20.00 horas | Escola de Vilar (Cereixo)
Martes 16 de decembro
- 18.00 horas | Casa Cultura de Baíñas
- 20.00 | Local Comareiro (Serramo)
Mércores 17 de decembro
- 18.00 horas | Escola de Cambeda
- 20.00 horas | Escola de Berdoias
Xoves 18 de decembro
- 18.00 horas | Escola de Treos
- 20.00 horas | Escola de Tines
Sábado 20 de decembro
- 17.00 | Salón Castromil (Salto)
Luns 22 de decembro
- 18.00 horas | Escola de Bamiro
- 20.00 horas | Praza Concello Vimianzo