
A confraría laxense divulgou o seu produto e a pesca artesanal a través desta iniciativa
27 sep 2025 . Actualizado á 23:13 h.Comer é felicidade para moitos, e dende logo foino para quen se achegou este sábado ao castelo de Vimianzo desexoso de participar da degustación gratuíta de peixe de Laxe promovida dende a confraría desta última localidade. Inmellorable escenario, unha fortaleza, na que os seus visitantes tamén se viron sorprendidos pola proposta culinaria: foron 140 racións de xurelo braseado con gnocchis e bruschetta italiana, 160 de tacos mexicanos de raia con verduriñas e salsa chipotle e 180 de pescada ao vapor con crema de apio nabo e allada galega.

Preparou todo iso o cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, co ánimo de amosar calidade, versatilidade e frescura do peixe de Laxe, así como o valor da pesca artesanal. Farán o propio o vindeiro 18 de outubro no mercado de Elviña (A Coruña). Na degustación de Vimianzo tivo presenza o GALP, ademais de varios concellos da zona, cos rexedores de A Laracha, Malpica ou o propio Laxe.