Un castelo «de luxo» para acubillar historia, raíces e voces literarias con moito que contar

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Plumas consolidadas e prometedoras nutren o festival vimiancés, que segue hoxe

07 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A choiva bendixo onte en Vimianzo as últimas preguntas ao actor e escritor Pablo Rivero, cando xa o reloxo rozaba as nove e cuarto da noite. Din que fóra do castelo eran moito máis que catro gotas, pero o patio da fortaleza, que Rivero describiu como «un luxo» de escenario, resistiu ata o final, e nunca mellor dito. Cousas de meigas, quizais, porque para algo acababa de falar Ledicia Costas, Premio Nacional, Premio Merlín, Premio Barco de Vapor, tres veces Premio Lazarillo e voz literaria que, tanto para infantil e xuvenil como para adultos, cambiou a mirada sobre as bruxo. «Eu crieime cunha bruxa na casa do lado», dixo onte nunha nova xornada do festival Vimianzo M.Ou.L.A., un día moi entregado á historia e á novela negra.

BASILIO BELLO

«Publícaa xa antes de que cha rouben». Son as sete palabras que Fran Zabaleta, editor, escoitou dun ávido lector deste xénero cando lle ensinou o manuscrito do camariñán Diego Garrote, autor de Ángeles acusadores, unha obra ambientada na Costa da Morte, con anhelos de serie e lanzada baixo o selo Os libros do salvaxe, «a editorial máis rural de Galicia».

BASILIO BELLO

Zabaleta interveu tamén con obra propioa, Xoán Branco e a gran revolta irmandiña, ao lado do xornalista e escritor Eduard Rolland, que o fixo con 1809, Galicia en armas. Dous libros para «contar episodios históricos dunha forma amena e divulgativa»: «Un pobo sen memoria lévao o vento. Só un pobo con raíces é capaz de mirar con valentía cara o futuro». Separados por séculos, dous relatos de como a xente do común, do montón, foi capaz de «erguerse». Necesidade e esperanza.

BASILIO BELLO

Castelao ou Rosalía andaron entre os trucos de maxia do Mago Teto, e aínda con preguntas na mente sobre como o fará, arrincaron Ledicia Costas e Pedro Feijoo. Del dixo ela que soubo atraer moito lector ao galego, é unha das plumas referentes da literatura actual, e para mostra o último fenómeno Onde nacen as bestas. Dela dixo el que revolucionou a forma de contar aos pequenos, e o que contarlles, «e en todos vos xéneros ou fai ben». Que inspíralles, como escriben, como é a vida dun escritor portas dentro... Diso e máis falaron. Autores ambos de «bestsellers», os dous vigueses confesaron ser escritores «obsesivos» cando elixen un tema. Agradeceron o tempo que lles entregan os lectores, senten responsabilidade por iso e destacaron a importancia de que ideas como o M.Ou.L.A. avancen. Feijoo tívoo claro: «Isto funciona». 

BASILIO BELLO

Desde Carballo e outros puntos chegou xente a Soneira desexosa de escoitalos, e non menos no caso de Pablo Rivero: «Luxo é terte en Vimianzo!», dixéronlle desde o público. O escritor arribou con tempo á fortaleza. Coñeceuna primeiro e escoitou despois as intervencións de Pedro Feijoo e Ledicia Costas, palabras nas que dixo recoñecerse como autor. Como xulgamos, como sentenciamos, o medo ao que dirán, o morto para outro: todo iso está nO rabaño. Esgotou os exemplares que había no castelo desta sétima novela, moito máis que a resolución da morte de varios nenos, un retrato «ácido» de como somos como sociedade. «Escribo daquilo que recoñezo e preocúpame», aseverou. Unha novela con faragulla, das que se devoran, con mil e un posibles culpables e a evidencia de que nunca acabamos de coñecer a quen teño ao lado. Vimianzo M.o.la. segue hoxe desde as 17.00 con Rebeca Stones, María Canosa, Guadalupe Vázquez, Amets Arzallus ou Manuel Rivas.