
O ciclo cultural VimianSol é xa un emblema na Costa da Morte.
18 jul 2025 . Actualizado a las 12:23 h.Máis alá das moitas e variadas citas festivas que Vimianzo ten ao longo do verán —para mostra, as dúas citas de Interese Turístico recén celebradas, Asalto ao Castelo e Faguía, ou a Rapa das Bestas deste domingo 20—, é o seu programa VimianSol o eixo dinamizador deste tempo no municipio. Unha chiscadela á identidade, ese Vimianso con seseo, e ao bo tempo que se asocia a esta estación, un ciclo que, coa acollida das súas últimas edicións, xa é ben «estable», en palabras da técnica de Cultura, Nieves Lema. Tamén agardado.
Propostas os sábados, e mesmo algún venres, «dende o corazón da Costa da Morte». Citas ao aire libre variadas en disciplinas, de acceso libre e gratuíto, e que traerán sonoridades, sorrisos, emoción, intimismo e mesmo aventura á Praza do Concello, ou á fortaleza, os dous escenarios centrais das propostas. Henriko, con Circo Cambuche, foi a apertura deste programa o pasado 12 de xullo, e para hoxe está prevista a segunda cita, o concerto de Emilio Rúa no castelo: 21.00 horas.
Cada cita do almanaque ten o seu interese, velaí a aposta por talento comarcal como é o caso da ceense Rocío Caamaño, ou mesmo o aspecto solidario, no do grupo marfileño Eburnie, se ben destacan apostas coma a do vindeiro 23 de agosto. Ese día, nunha das súas tres paradas en Galicia, a compañía valenciana La Finestra Nou Circ traerá a Vimianzo Tranvía n.º 12, oportunidade para gozar na Costa da Morte dun espectáculo co selo de recoñecemento circense nacional.
Visitas guiadas e teatralizadas, campamentos, artesanía en vivo ou observacións de estrelas enriquecen tamén este verán 2025.
«Tratamos de ofrecer programación referente nas catro estacións, e neste tempo de xeito máis especial»
Hai xa anos que Vimianzo se consolidou como destino cultural non só para os seus propios veciños, senón tamén para residentes noutros puntos da Costa da Morte e mesmo de Galicia. Ata para as propias compañías. O VimianSol no estío continúa con ese espírito: «É un esforzo, é un diñeiro, un desembolso importante para as arcas municipais, pero con Vimianzo xa consolidado como referente cultural, e sendo iso un orgullo, cremos que hai que manter esa liña. Nas catro estacións, nas catro tempadas do ano, tratamos de que así sexa, pero aínda dun xeito máis especial neste tempo, no verán. Hai que manter esa programación viva», di a alcaldesa, Mónica Rodríguez. Así o contaba onte, nun xoves de feira «a tope», outro punto de encontro.

Manter a programación vizosa é «fonte de vida», afirma a rexedora. Suma atractivos, motivos para acudir a Vimianzo, «ao xa rico patrimonio que temos». Ofrecer cultura tería xa razón ser como fin en si mesmo, mais Mónica incide na repercusión que teñen moitas das actividades no tecido económico local, e particularmente en eidos como o hostaleiro.
«Do que se trata co VimianSol é de ofrecer unha opción para todas aquelas persoas que, logo de saír da praia, busquen un plan para gozar con nenos, en familia. Saben que teñen unha opción na Praza do Concello, ou no castelo. Música, maxia, teatro, circo, algo do que gozar xuntos, e despois quedar xa por Vimianzo a tomar algo ou a cear unhas pizzas», manifesta a alcaldesa.
«Visibilizar, dar vida» é o que se pretende tamén coa Mostra de Artesanía en vivo no castelo e cos obradoiros ligados a esta, en dobre sentido. Visibilidade «para o noso faro cultural, que é precisamente a fortaleza», e visibilidade para os propios oficios: «Nunca me canso de agradecer a vida que lle dan ao castelo durante todo o ano. O verán é un bo momento para facelos aínda máis visibles, eles conservan traballos para os que xa non hai moito relevo, permítese que a xente participe...».
A dinamización do verán en Vimianzo vai non obstante máis alá da cultura. «Dende as áreas de Turismo, de Cultura e de Deportes, con citas que tamén procuramos para a fin de semana, tratamos de que así sexa», manifesta Mónica.
Campamentos, unha vía de conciliación e aprendizaxe
Favorecer a conciliación é un dos fins deses campamentos de verán que tamén nutren o estío de Vimianzo, mais non só. Coas prazas completas das distintas quendas programadas, tratan cuestións tan diversas como a historia, a astronomía, o deporte, a gastronomía ou a aventura. Importante apartado formativo, pois, no que tamén se pode incluír o taller de cine Da idea á cámara, previsto para rapaces de 12 a 16 anos este xullo e con prazo de inscrición aberto ata o día 22. Un xeito de achegarse ao cinema e audiovisual.

Obradoiros e artesanía suman atractivo e moita vida ao castelo
Aberto de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.30, salvo os luns, o castelo de Vimianzo alberga variadas artesanías en vivo, visitas que se enriquecen con obradoiros para achegarse aos oficios. A vindeira cita será este 19 de xullo, unha palillada con As Nemanquiñas (17.00). Barro o sábado 26 de xullo; maquetas de barcos e nasas o 2 de agosto, liño o 16, barro de novo o 23, máis palillo o 30, arte en palla o 6 de setembro e encadernación o 13 tamén deste mes son os obradoiros próximos. Con 12 prazas por taller, poden tramitarse inscricións en www.vimianzo.gal/turismo.
Petróglifos, estrelas e visitas guiadas aos bens patrimoniais
O miradoiro A Furna do Sapo de Cereixo acollerá este 23 de xullo a primeira observación do ceo dunha nova entidade comarcal de astroturismo. Non será a única cita coas estrelas en Soneira. O ciclo Recunchos, por outra banda, garda para o 29 de agosto unha saída nocturna para observar petróglifos. Hai ademais en Vimianzo varias visitas guiadas para coñecer o seu patrimonio. No que respecta a agosto: ao castelo, de martes a venres, ás 11.00 e 19.00, o sábado ás 17.00 e 19.00, e o domingo ás 19.00; aos Batáns do Mosquetín, ás 12.15 e 13.15 de martes a venres; ao dolmen Pedra Cuberta, os mércores ás 16.30; ao castro das Barreiras, os xoves ás 16.30, e ao porto de Cereixo, os venres ás 16.30.

As visitas teatralizadas, un xeito alternativo de divulgación
Os Quinquilláns xa teñen un lugar reservado na historia do castelo de Vimianzo. Hai anos que divulgan parte do seu pasado a través do teatro, con dobre sesión en xornadas dominicais. Lucho Penabade e Tero Rodríguez atraen aos visitantes, que deben inscribirse en vimianzo.gal/turismo. Pases ás 12.30 e 17.00 horas —de balde— o 20 e 27 de xullo; 3, 10, 17, 24 e 31 de agosto, e máis 7 e 14 de setembro. Proposta de balde.
AO DETALLE, O VIMIANSOL
Hoxe, venres, 18 de xullo
Emilio Rúa. Cita imprescindible coa música en directo, a do cantautor ourensán Emilio Rúa (1976). Velaí a proposta dentro do programa VimianSol para esta mesma noite de venres 18 de xullo: ás 21.00 horas, no castelo. O marco incomparable que ofrece a fortaleza non lle pasa desapercibido ao propio artista, como onte explicaba para Radio Voz. Aquí, na capital de Soneira, abrirá a súa xira de 25.º aniversario, música con sentimento e en galego. Facía el un convite a gozar do momento, do directo, con temas que xa son icónicos na súa carreira. Acceso libre e de balde.
26 de xullo
Artefeito, con «Circando». Ás 21.00 horas, na Praza do Concello. «Malabares, clown, equilibrios e moito humor», avanzan sobre o espectáculo, «para vivir os mellores momentos co público». Maxia e sorpresas enriquecerán esta nova cita para toda a familia.
1 de agosto
Eburnie. O grupo vocal marfileño está de xira un ano máis pola Costa da Morte. Un xeito de sumarse á causa solidaria da ONG Égueire. Ás 21.00 horas, no patio do castelo.
2 de agosto
Rocío Caamaño. A cantautora ceense, xa de carreira nacional, fará parada coa súa voz tamén na fortaleza. Letras sentidas, vividas, e unha fonda conexión co público e cos seus fans. Inicio do concerto ás 21.00 horas.
16 de agosto
«O Minotauro», de Nacho Flores. Unha tarde-noite para admirar a súa capacidade de equilibrio sobre obxectos. Nenos e grandes gozarán por igual da proposta, ás 21.00 horas na Praza do Concello.
23 de agosto
«Tranvía n.º 12», de La Finestra Nou Circ. Dende Valencía, unha compañía referente das artes circenses. Talento, creatividade, circo, humor, resiliencia... Cinco personaxes nunha peculiar parada de tranvía. Ás 21.00 horas, na Praza do Concello.
30 de agosto
«Circote», de Kote Malabar. Circo de rúa e teatro, malabares e risas. Kote Malabar leva uns dous decenios facendo gozar a todo tipo de público. Será o peche deste VimianSol 2025, ás 21.00 horas na Praza do Concello.