
As festas nesta parroquia de Vimianzo comezan mañá, mais o trafego na cociña, xa hoxe
08 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pese a terse renovado a comisión, coa mocísima Aroa Villaverde ao fronte, o «milagre festivo» da parroquia vimiancesa de Carnés continúa. No musical, pasarán entre mañá e o sábado por esta localidade Los Satélites, París de Noia, El Combo Dominicano ou Medina Azahara no seu único concerto en Galicia, mais antes de chegar a todo iso hai que empezar polo aínda máis verdeiramente singular: a Faguía.
Como cada 9 de xullo, será o arranque das festas de San Cristovo, e non cun título calquera, senón co de Festa de Interese Turístico de Galicia, o que vén a significar a segunda celebración con este rango en Vimianzo en menos dunha semana, logo do Asalto ao Castelo deste pasado sábado. A degustación de callos da Faguía comezará mañá ás 20.00 horas logo da misa e procesión acompañada pola banda de gaitas Trubisquiña, un día que tamén contará coa música da charanga Los Támega, da orquestra Los Satélites e de Euphoria Disco Móbil.
Mais para que os callos estean listos para ese momento, as potas deberán poñerse ao lume moito antes. E, antes das potas, moito que traballar tamén. Contouno onte en Radio Voz un dos axudantes do mestre Fructuoso Mouzo, alma máter dese manxar que en ningún outro lado sabe coma en Carnés: «Fructuoso é un fenómeno, non pasan os anos por el. Eu podo ter unha lixeira idea logo destes anos, pero non é fácil facer os callos como os fai el, que xa os fai de memoria. Hai que estar alí, hai que velo», explicaba Esteban Pérez, tamén expresidente da comisión e vinculado á organización dende hai tres lustros.

Hoxe mesmo, ás oito da mañá, comezarase coa instalación, picado de produto e preparación para unhas cifras que soan astronómicas: uns 700 quilos de carne —pata de porco, de becerro, costela, calleiro, touciño ou chourizos— e uns 300 de garavanzos. Non lembra Esteban que houbese un ano no que quedasen sen callos, aínda que estimar asistencia é moi difícil, sobre todo tendo en conta o factor tempo. Salvo o xullo raro do ano pasado, as previsións adoitan ser boas, tamén para esta ocasión. Ten na memoria os 1.600 recipientes vendidos nalgunha edición, mais as racións hai que dobralas para ter en conta a dimensión da festa, en tanto que logo de pagar a cazola, un pode comer ata que o corpo llo pida. Hoxe, martes, unhas vinte persoas traballarán en Carnés nestes preparativos de véspera. O propio día da Faguía, mañá, chegarán a medio cento os colaboradores voluntarios.
A Faguía, que toma o seu nome dunha cota que aboaban os confrades de San Cristovo, ten centenaria historia —catro veces centenaria, cando menos—, e din dela que é unha das máis vellas citas gastronómicas de Galicia, pero en realidade é máis ca iso. Hoxe, é o sentimento de todo dun pobo, evolución daquilo que un nunca debe esquecer, de onde vén. Como ten dito Fructuoso Mouzo: «Antes os callos da Faguía eran para os pobres, agora son para os ricos». Fala do labor social da celebración a mediados do vello século XIX.