
Serán un total de catro saídas, entre os meses de xuño e outubro, todas elas divulgando patrimonio
04 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Continúa o Concello de Vimianzo coa posta en valor do territorio e co fomento do coñecemento do patrimonio natural, histórico e cultural do municipio. Impulsa para iso unha nova edición do programa de andainas Recunchos, catro rutas de sendeirismo a desenvolver entre xuño e outubro.
A primeira será o 15 de xuño, once quilómetros por terras de Carantoña. Os participantes camiñarán pola beira do río Grande, dende o merendeiro de Basandín ata A Ponte do Porto, para logo reomontar o curso do río ata o Pozo do Corvo. A segunda das saídas está fixada para o 29 de agosto, unha das máis singulares, xa que será nocturna, 4,4 quilómetros con saída e chegada á Praza do Concello e guiada por membros do colectivo A Rula. Visitarase o petróglifo de Somontemío, a Cruz de Loureiro e os petróglifos do Prado da Cruz.
Para o 20 de setembro queda a terceira andaina, polos segredos do Val de Vimianzo, 14 quilómetros para afondar na riqueza cultural e paisaxística, na arquitectura popular. Incluirá tamén unha parada para coñecer algúns dos petróglifos descubertos recentemente grazas ao traballo de investigación de David Roget. Finalmente, o 4 de outubro subirase aos Penedos de Pasarela e Traba, oito quilómetros entre auténticas esculturaas pétreas naturais.
Para participar en calquera destas saídas é preciso inscribirse previamente a través dun formulario web. A organización recomenda levar comida, auga, roupa cómoda e calzado axeitado. Os desprazamentos ata o punto de inicio correrán pola conta de cada inscrito.