
A función teatral desta tarde na Casa da Cultura reflexiona sobre a perda e tamén a esperanza. Fala un dos fundadores de compañía Morraoconto
12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Que pasa cando un ser querido nos deixa? Como responder a ese oco, a ese baleiro? Que se pode facer con el? Asunto serio, e que en Vimianzo se abordará hoxe ás 20.30 horas na Casa da Cultura, co espectáculo Tromsø, da compañía de teatro e danza Morraoconto. Falou en Radio Voz un dos fundadores da agrupación e tamén intérprete, Miguel Gendre.
—Veñen a Vimianzo, lugar especial para esta compañía. No Concello atoparon colaboración.
—Vimianzo foi o primeiro en darnos unha actuación e en confiar no noso traballo, esta é a nosa primeira peza. Estaba pois todo por mostrar.
—E este título que nos leva a pensar en «transo»? Porque diso vai o espectáculo, do transo da perda, tamén da esperanza...
—Tromsø é unha viaxe a esa cidade noruega así chamada. En clave de realismo máxico, unha persoa disponse a partir de Galicia a Noruega para desfacerse do pesar, da pena, deixar cousas atrás. No camiño ocórrenlle tamén cousas, e vai facendo reflexións. É a historia dunha vida que, en realidade, podería ser a de calquera.
—Son rapaces novos os que están detrás de Morraoconto. Por que este tema? Por que traballar en torno á perda?
—Na sociedade na que vivimos imos a moita velocidade. O tempo vai pasando e de repente decátaste do que vas deixando atrás: é, pois, un xeito de renderlle homenaxe a todo iso e de reconciliarnos con nós mesmos cando tomamos certas decisións, non?
—Esa reflexión faise con humor. Axuda a procesar todo?
—Pareceunos pesado usar só a poética, a maneira convencional de dicir texto, e aí foi cando entraron outras linguaxes, como as visuais, a danza, a música e o humor como maneira de quitar presión a esta carga. A viaxe faise máis amena, é algo curioso de ver [a historia de base, a que fía todo isto, tamén é singular].

—Ten presenza tamén o medio mariño. Como o ligan á peza?
—Pois o director da peza, que tamén firma o texto, foi collendo cousiñas que lle tocaban o corazón, e unha delas é o tema das candorcas. Rafa ten un achegamento especial ao mundo mariño e en especial a esta especie. Pareceunos moi interesante levalo a escena, e como en Galicia houbera ademais esas interaccións con veleiros, e tanta polémica, decidimos tamén en clave de humor tratalo.
—É moito dicir afirmar que desta obra sairase co corazón un pouquiño máis curado?
—Pois mira, un dos obxectivos do director e da compañía para montar esta peza era procurar que a xente saíse dos teatros co corazón quentiño. Levamos dúas funcións e a resposta do público que nos está chegando é que se trata dunha peza emocionante, divertida, rin moito, e incluso tamén se chora moito (...). Foi o ano pasado cando decidimos poñer en marcha este proxecto [tiveron o apoio da Agadic], que partía ademais dunha experiencia moi persoal. Convido a todo o mundo a ir ao teatro, de verdade, o teatro en si é unha experiencia transformada para a xente que acude.