
Ten plan para o domingo? En Vimianzo agárdalle unha obra para público familiar, Facendo o indio. Fala Chisco Casteleiro, o seu autor e director
28 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Fin de semana intensa a que vén por diante en Vimianzo. Ademais da cita teatral de mañá con Continente María, haberá o domingo unha proposta familiar. Ata a capital de Soneira —18.30 horas, Casa da Cultura—, achegarase a compañía Galitoon, para subir ao escenario a peza Facendo o indio. Autoría do texto e dirección do espectáculo recaen nunha mesma persoa, Chisco Casteleiro, quen tamén falou en Radio Voz. A entrada custa tres euros, a adquirir en woutick.es ou o mesmo domingo dende as 17.30 horas:
—Xa non queda nada para Soneira.
—Aí estamos, tensando o arco e afiando as achas, dispostos para facer o indio por Vimianzo.
—Aquí «facer o indio» é, dalgun xeito, facer pallasadas. É así?
—Totalmente correcto. Penso que é a obra de Galitoon máis gamberra que escribín e fixemos nunca. Nunca tocaramos este tema, o humor xestual, sempre me interesou moita esta parte do pallaso. O que intentamos é transmitir as costumes dos indios americanos, pero facendo o que non hai que facer. Faremos todo ao revés do que debería de ser, empezando polos indios en cuestión. Nin esveltos nin atléticos. Nunha hora dá tempo para escachar coa risa, pásanos en escena.
—Como é que chegaron a eses indios buscando inspiración?
—Como había espectáculos de teatro de vaqueiros e demais, ocorréusenos facer o indio. Levamos xa vinte anos de Galitoon, dun lado para o outro e polo que sexa, facendo iso, o indio. A acollida dende a estrea foi moi boa. Levamos un tipi ben grande, un cactus no que nos pinchamos seguido... Dá moito de si, a verdade.
—Que é iso dos «muppets»?
—A nosa nota distintiva. Galitoon ten a súa orixe nos Henson, os de Estados Unidos, os de Barrio Sésamo. Seguimos con esa forma de traballar, somos factoría, fabricamos nos nosos talleres os nosos monicreques. O corte que teñen é un pouco o selo de Galitoon, en todos os nosos espectáculos, incluído este, hai algún muppet que sorprende. Estou en constante investigación de técnicas de manipulación e demais, de feito polos 15 anos da compañía fíxose un espectáculo, The show moscón, no que se reunían moitas distintas.
—Que lle pasa á tribo dos Pés Grandes que traen a Vimianzo?
—Pásalles de todo, dende facer esquí acuático cunha canoa india ata facer chover porque cantan a Macarena... Non imaxina a cantidade de atrezzo do espectáculo!
—Teatro xestual, humor, música, participación do público...
—Sempre queremos que participe un pouquiño. As nosas indias guerreiras baixarán facer algunha trasnada. Estar connosco este domingo pola tarde sería un moi bo plan de fin de semana.