A xuíza desestima outra denuncia do arquitecto de Vimianzo ao alcalde

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

Determina que non se puido probar que o rexedor nin o seu segundo teñan falsificado a firma do funcionario

21 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Corcubión decretou «por falta de autor coñecido» e porque «resulta improcedente a práctica de máis dilixencias» a causa aberta contra o rexedor de Vimianzo, Manuel Antelo, e contra o tenente de alcalde, Fernando Mancebo, polos supostos delito de falsidade en documento oficial e contra a integridade moral, dos que lles acusaba o arquitecto municipal, Julio Vázquez.

O funcionario presentou un longo escrito no que daba conta do suposto acoso ao que lle someteron os políticos nacionalistas por realizar informes contrarios ás pretensións do goberno municipal. Cita todo tipo de episodios de menosprezo, cargas de traballo inasumibles ou valoracións denigrantes da súa función. De feito, mesmo achegou informes médicos respecto da súa baixa por motivos sociolóxicos derivada desta situación laboral.

Con todo, o que verdadeiramente se dirimía neste caso é se Antelo ou Mancebo falsificaron a firma do arquitecto nun informe emitido o 29 de setembro do 2011 en relación co conflito do cemiterio de Salto. E neste punto, tal como sinala a Fiscalía Provincial da Coruña no seu escrito dirixido ao xulgado, os informes dos peritos caligráficos «non han permito constatar nin acreditar a participación nos mesmos dos investigados». Noutras palabras, non se demostrou que falsificasen esa firma.