A Asociación Profesional de Artistas de Galicia defende a continuidade do MACCMO

m. r. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

El Maccmo cormelán
O Maccmo cormelán BASILIO BELLO

«Como artistas, péchansenos oportunidades», explican desde A Colectiva

05 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, apoia a continuidade do Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte en Corme (MACCMO) tras a polémica xurdida co Concello de Ponteceso. Así o trasladou nun comunicado.

«Denunciamos o requirimento de peche inminente (...). Cunha colección de máis de 570 obras de diversos artistas, unha programación de actividades aberta ao público local e un programa de residencias internacionais bolseiras para artistas plásticos, este museo, como afirma a súa patroa Encarna Pisonero, é o cuarto museo de arte contemporánea en Galicia xunto ao CGAC, o Marco de Vigo e o Museo de Belas Artes da Coruña», comeza o escrito.

«O peche deste museo supoñería a perda dun espazo artístico cun importante valor cultural para a comunidade local e para o conxunto de axentes culturais e artistas de Galicia. Pechar as portas dun museo é pechar á cidadanía o valor da arte e a posibilidade de que a arte, a cultura, participe e ocupe un lugar no noso día a día», engaden.

Consideran que como artistas se lles pechan «oportunidades de profesionalización, difusión e creación de espazos abertos á participación, reflexión e expresión tanto individual como colectiva». Por iso, como artistas profesionais esixen a «a todos os poderes públicos que interveñan para frear o peche inminente do MACCMO, que se abra unha mesa de diálogo sobre o seu futuro e que se asegure a súa permanencia».

«Nun mundo cada vez máis utilitarista, necesitamos máis espazos que nos lembren o poder da creación e a súa importancia nas nosas vidas», conclúen.