Espellos

Natalia Lema Otero ECOS DÁ GÁNDARA

PONTECESO

Prado Rúa xunto a un mural artístico en Arxentina
Prado Rúa xunto a un mural artístico en Arxentina

13 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Hai moito influencer solto, vestido de gala e co micrófono no queixo. Usurpadores que exercen un papel intrusionista no eido. Tamén os hai boísimos e, por suposto, femininos. Eu, se teño que destacar unha referente galega, muller garrida, falaría sen dúbida de Prado Rúa. Tiven o pracer de coñecela este verán, en Ponteceso, na maior festa das letras. Presenteime cohibida ao coñecer a unha rapaza que considero embaixadora do galego e divulgadora real. Preguntoume o meu nome e quedei fascinada polo interese, pola humildade. Ás veces, saúdas por compromiso, nela nótase esa necesidade de coñecer con quen fala. Xa o dicía Lewis Carroll, que quen coñece o nome de alguén ten xa un poder infinito. No seu traballo, nun mundo tan globalizado, cheo de scroll infinito, agradécense esas pequenas píldoras de humor mesturado con galego. Ao final, Prado Rúa encarna unha mocidade coma min, dos dous mil, chea de inquedanzas. Das xeracións seguramente con máis ferramentas e tamén máis vapuleadas pola precariedade. Por iso, renego moitas veces deses premios a youtubeiros onde os gañadores son ensalzados por defender o galego e fan un contido superfluo, ensinando roupa e almorzos, falando dunha forma descoidada e chea de castelanismos. Entendo que non todo o contido pode ser transcendental, pero a banalidade cansa, e moito.

Eu propoño firmemente para as Medallas de Galicia a Prado Rúa, pero non me fagan moito caso, fala por min a idolatría que lle profeso día si e día tamén. Apenas lle levo un ano, pero se me puidera encarnar en alguén con dotes oratorias, de seguro optaría por mirarme no seu espello. Fóra bromas, a Prado Rúa non lle fan falta medallas, augúrolle unha estela de éxitos que transcenderán calquera pantalla nos próximos anos.