A parroquia de Pazos xa atopou ao seu millonario en Ponteceso

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

Isto é todo o que se sabe da persoa premiada con 1.000.000 euros

12 jun 2024 . Actualizado á 18:12 h.

Cando apenas nin pasaran catro días desde que o sorteo dO Millón, ligado a Euromillones, deixase un millón de euros na parroquia pontecesá de Pazos, a persoa agraciada presentouse no Estanco de Pazos. Sucedeu o martes pola tarde. O loteiro, Ernesto Moreira, non solta nin peza do beneficiario, do que nin sequera revela o sexo. Iso si, a comarca está de parabén, pois o premiado é da zona. Así o confirmou o propio vendedor: «Non é de moi lonxe. Foi unha persoa de paso. Está nun raio de cincuenta quilómetros, digamos, á volta». Era o previsto en base á súa clientela.

O certo é que o premiado —todo parece indicar que se trata dun home— levou unha agradable sorpresa nada máis visitar o despacho de loterías. E é que non tiña a máis remota idea de que fora afortunado con 1.000.000 euros: «Non sabía nada. Decatouse aquí mesmo ao comprobar o boleto. Púxose moi nervioso, estaba feliz».

O único código gañador do xogo foi o CWX38402 e asignouse de forma automática. A combinación acertante coñeceuse o venres á noite e espertou moita curiosidade na localidade e os arredores.