A parroquia pontecesá de Pazos busca ao seu millonario

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

O agraciado co millón de euros pode estar neste concello ou nos que o rodean, segundo o loteiro Ernesto Moreira

12 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Pasaron cinco días desde que o premio O Millón, ligado ao sorteo de Euromillones, deixase un novo millonario en Pazos, Ponteceso. Con todo, na parroquia bergantiñá seguen aínda buscándoo. «É un tema tabú», dicían onte desde un dos exitosos locais hostaleiros. «Nin sequera hai sospeitas de ninguén», confirmaba o loteiro Ernesto Moreira, que foi quen trouxo a sorte ao municipio. Agora ben, díxomedíxomes, habelas hai. Todo o mundo ten curiosidade por coñecer a identidade do agraciado. Desde o sábado pola mañá, na localidade non se fala doutra cousa. E para tratar de dar co novo rico ou rica, a estratexia que seguiron moitos é preguntar aos demais se lles tocou o gordo a eles. «Saberase cando apareza alguén con un cochazo», chanceaban na taberna.

Todo o mundo ten esa curiosidade, a excepción, precisamente, do autónomo que validou o único boleto acertante. «Non teño interese ningún por sabelo. Aínda estou nunha nube, cunha alegría e unha satisfacción inmensas», comentou entre risos. O pontecesán tampouco di notar nada estraño entre a súa clientela. E, por suposto, ninguén se lle achegou para confesarlle o gran segredo do momento. E é que segundo os seus cálculos, o novo millonario pode atoparse nos concellos limítrofes, que non son poucos/pouos no caso de Ponteceso, pois toca con Malpica, Cabana, Coristanco e ata con Carballo: «É unha zona de moito paso. A maior parte das persoas que veñen, ou polo menos, o 50 %, son das localidades da volta. Hai moito comercial e camioneiro».

Incremento nas vendas

O que si que percibiu xa este veciño de Pazos é un incremento nas vendas: «Un pouco máis xa se vendeu. Si que se nota».

Comentan na parroquia que os xogos do azar xa deixaron hai moitos anos un bo tanto de diñeiro en Pazos. Mellor dito, entre este concello e outro máis afastado. Aínda que se rumorea que naquela ocasión, a historia non acabou ben. Todos desexan que o premio quede na localidade, aínda que, polo momento, o ou a afortunada, ou ambos, téñenllo moi ben gardado. Aínda que nestas cuestións, será o tempo o que remate por falar.