Bota a andar o festival Comarea de Muxía

m. r. CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Actuará Carlangas
Actuará Carlangas BASILIO BELLO

Olería, turismo, luces e saúde: máis actividade trae a xornada deste xoves na comarca

04 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe comezan catro días, ata o domingo, do festival Comarea en Muxía, da man da cooperativa cultural Horta Creativa. Manu Nogueira, voceiro, avanzou os detalles en Voces de Bergantiños.

A principal novidade é a data da celebración. «Durante cinco anos levouse a cabo en verán. Co covid, estivo inactivo e retomámolo o ano pasado. Nós vivimos aquí. No verán xa pasan moitas cousas. O que cremos que necesita esta zona é que pasen máis cousas no inverno. Por iso decidinos cambialo. É unha aposta arriscada», comezou explicando. Esta modificación implicou outras: «Faciámolo ao aire libre. Agora será nun espazo pechado».

En realidade, serán varios os escenarios, e como di Nogueira, «é máis que un festival», toda unha declaración de intencións: «Dende o rural tamén se pode traballar por cultura de calidade. Comarea naceu con actuacións de música, pero a actividade complementaria é moi importante. Haberá propostas para todas as idades».

A primeira actividade será este xoves cun obradoiro musical na Sala Gervasio Sar a partir das 19.30 horas. Só serán de pago os concertos do domingo. Porén, para citas como a de hoxe, é necesaria a inscrición previa en hortacreativa@gmail.com. «Aínda hai algunha praza dispoñible», indicou Nogueira en Radio Voz Carballo.

A programación continuará mañá cun coloquio sobre a importancia da cultura na xuventude. Será o primeiro dos actos polos bares da vila, tamén coa actuación de Skanderani. «Haberá distintos estilos de música», avanzou a organización.

Tampouco se esquece o festival do medio ambiente, cunha limpeza na praia de Muxía e un taller creativo de lixo mariño, en colaboración con Mar de Fábula, xa o sábado. Dende esta xornada, os concertos irán en aumento, ata chegar ao domingo, que xa no Cámping Lago-Mar, serán protagonistas dende as 19.00 Carlangas, Raz & Afla ou Coco María. Entradas en woutick.com.

Olería, turismo, luces e saúde

Máis actividade trae a xornada deste xoves na comarca:

Vimianzo • No Castelo, ás 10.30 horas, inaugurarase a exposición de olería realizada pola Alfarería Lista de Buño.

Coristanco • Haberá Club de Saúde da Asociación Española Contra o Cancro ás 18.30 na Casa da Cultura, e a continuación, chocolatada e biscoito, pois ás 20.00 será o acendido das luces de Nadal na Praza do Concello.

Caión • O bar Asteria Beach acolle a presentación do libro A Costa da Morte. Naturalmente única, impulsado por APTCM e con financiación de Turismo de Galicia.