Máis dunha vintena de citas de Nadal en Muxía, con arranque o 12

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MUXÍA

Nin choiva nin frío puido cos Reis o ano pasado en Muxía
Nin choiva nin frío puido cos Reis o ano pasado en Muxía ANA GARCÍA

O acendido da iluminación farase dende o porto. Entre as novidades, un mercado navideño ou o primeiro baile social por esta tempada 

29 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un espectáculo infantil, Moc Moc, así como unha chocolatada e fogos de artificio, acompañarán na vila de Muxía a inauguración oficial do Nadal. Será o 12 de decembro, ás 19.00 horas, no porto, momento no que tamén se acenderán as luces. Xa hai uns días que o Concello presentou o seu calendario de propostas, máis dunha vintena de citas «pensadas para todos os públicos». Subliña o goberno municipal tres delas: este acendido das luces, a apertura do Mercado Navideño «como grande novidade» e a celebración do primeiro baile social de Nadal.

«Unha programación variada, cultural e adecuada a todas as idades», traslada o consistorio. No tocante ao mercado, abrirá o 19 de decembro na sala Gervasio Sar, onde permanecerá os días 20, 21, 27 e 28 de decembro, en horario de mañá e tarde: os postos interesados en estar presentes teñen ata o luns para poder anotarse. Será novo tamén o baile social de Nadal, igualmente na sala Gervasio Sar e previsto para as 19.00 horas do 4 de xaneiro. Actuará Claudia Zurita: «Está pensado como unha proposta de encontro e convivencia interxeracional, coa intención de consolidarse como actividade fixa en vindeiras edicións», trasladan.

No resto do menú, visitas de Papá Noel aos colexios, unha gala coa coral Virxe da Barca, expedicións á pista de xeo de Vimianzo, talleres, teatro, maxia e, por suposto, a cabalgata do 5 de xaneiro, con percorrido polas aldeas e remate na capital municipal, na sala Gervasio Sar, onde tamén haberá inchables e animación.