A Xunta eliminará muros de formigón e madeira para evitar que a area ocupe a calzada na entrada de Muxía

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

ANA GARCÍA

O BNG considera «insuficientes» estas medidas e cre que o vento seguirá arrastrando os áridos á estrada

28 nov 2025 . Actualizado á 23:54 h.

O problema coa area da praia muxiá de A Cruz, que cando sopra o vento acaba ocupando parte da calzada, debateuse este xoves na comisión segunda do Parlamento de Galicia. Interpelada polo deputado nacionalista Óscar Insua, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, explicou que a Xunta xa rematou o estudo técnico que anunciaran e avanzou que implementarán algunhas das medidas que se inclúen no mesmo.

Segundo o Bloque, ditas medidas consistirán na eliminación dun muro de formigón e doutro de madeira que separan a praia da estrada. A formación progresista dúbida da súa efectividade: «Veremos, pero a priori non parece que as medidas vaian ser moi efectivas, porque a area seguirá remontando a estrada mentres sopre o vento», di Óscar Insua.

Coincide nesta opinión o portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos, quen reitera que a acumulación de áridos «supón un perigo para os vehículos e tamén para os viandantes, xa que non poden ir pola beirarrúa ao estar chea de area», sostén. Ademais, apunta que non é certo que a Xunta estea a facer limpezas regulares na zona afectada: «Quen acometeu estes labores nalgún momento foi o Concello», engadiu.

Óscar Insua tamén pediu á Xunta que realice un estudo de resiliencia costeira que permita «considerar os riscos asociados para os efectos do cambio climático, tanto no deseño dos instrumentos de ordenación como na adopción de decisións sobre os usos do litoral», apuntan desde o BNG.