
Xa son vinte as hectáreas afectadas e interviñan a última hora deste venres dous helicópetros
16 ago 2025 . Actualizado á 12:49 h.Un novo incendio forestal produciuse á unha e media do mediodía deste venres a Costa da Morte. Máis concretamente, no municipio de Muxía. Comezou en Quintáns (Ozón) e estendeuse á parroquia de Nosa Señora da O, en dirección ao lugar de Sendón. Desde Medio Rural mobilizaron a tres axentes, seis brigadas e dúas motobombas. Á zona tamén acudiron varios voluntarios de Protección Civil do municipio e de Camariñas, a Garda Civil, Policía Local e os propios veciños cos seus tractores, pas e cisternas.
Ás cinco da tarde, segundo Protección Civil, o incendio xa estaba controlado, aínda que había preocupación polo vento existente na zona. Afectou a unha superficie arborizada. En Quintáns xa houbo un conato o pasado día 7.

Pasaban das seis cando se detectou un novo foco entre Quintáns e Pardiñas, tamén en Nosa Señora da O. Achegábase ás vivendas e, ás 20.00 horas, a CP-1603 que enlaza este lugar coa Ponte do Porto atopábase pechada ao tráfico.
Ás nove da noite, seguíase loitando contra as chamas, aínda que segundo a tenente de alcalde, Sandra Vilela, en principio xa non existía risco polas vivendas. As forzas de seguridade consideran que ambos os incendios foron intencionados.
Segundo Medio Rural, a última hora da tarde deste venres, a superficie total afecta a unhas 20 hectáreas. Os medios mobilizados pola Xunta ascenderon a tres axentes, sete brigadas, cinco motobombas e un técnico. Sandra Vilela informou que se sumaron dous helicópteros ás tarefas de extinción.