Vos Muños

Manuel Vilar Álvarez

MUXÍA

BASILIO BELLO

A toponimia sempre foi un rico e popular campo de debate. Escribe Manuel Vilar Álvarez

02 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

No día de Santa Mariña a Real Academia Galega (RAG) comunicou que a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia aprobou a proposta de actualizar o Nomenclátor elaborada por especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG. Agora só falta que o Consello da Xunta de Galicia aprobe esta proposta. Isto semella ser como un requisito formal, mais parece que non vai ser así. Se o informe dos técnicos sobre Altri é como a biblia para o goberno galego, aquí parece que hai que escoitar outras opinións.

Nuns casos valen, noutros non. E opinións vainas haber, pois a toponimia sempre foi un rico e popular campo de debate. Se sempre dixemos Pereiriña, dicíame alguén, por que agora temos que dicir A Pereiriña. Pois porque se trata de normalizar e oficializar este rico campo da nosa toponimia, mais, nunha conversa, un pode seguir dicindo Pereiriña.

Agardo que na proposta da Comisión de Toponimia estea incluído o cambio do topónimo Os Muíños polo de Os Muños, pois esta é a forma dialectal coa que ao longo do tempo se nomeou a esta localidade da parroquia muxiá de San Xulián de Moraime. E a forma dialectal dun topónimo é un dos criterios que tiveron en conta os lingüistas para facer estas emendas ao Nomenclátor de 2003.

Os Muños é un topónimo transparente e fai referencia aos moitos muños (muíños) que había neste lugar, aproveitando a forza da auga do río dos Muños ou Negro no seu último e rápido tramo, antes de morrer mansamente nun extremo do areal de Area Maior, que non Praia de Os Muíños, como erroneamente vemos, por exemplo, nos indicadores. Neste tramo final do río Negro hoxe podemos contemplar, dando un bonito paseo por unha fermosa paraxe, varios destes muños restaurados hai anos, aínda que a restauración só abrangueu a parte formal ou estética, esquecendo a súa semántica, mesmo as denominación, substituídas por un abstracto e frío número. A estes muños viñan moer desde lugares distantes e, algúns, eran de maquía. Como houbo batáns. A microtoponímia recólleo: Pozo do Batán, onde en 1929 se lle concede a Cándido Insua Miñóns o seu aproveitamento para producir enerxía eléctrica. Historias relacionadas cun xeito de nomear.

«Os nomes de lugar teñen unha grande importancia mesmo para a identidade local, e é tarefa da Academia darlle a súa forma normativa, respectando, por suposto, as características dialectais de cada zona», dixo o presidente da Academia. Se seguimos oficializando Os Muíños, o uso oral cambiará e perderemos un xeito de nomear un topónimo histórico.