Muxía descentraliza a cultura cunha programación itinerante para o verán

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Caldeiras do río Castro, en Muxía
Caldeiras do río Castro, en Muxía ANA GARCÍA

Pasará polas parroquias O Castro, Quintáns, Senande, Touriñán e Nemiña: consulta aquí o programa!

28 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Xullo e agosto • Muxía Cultural, un proxecto conxunto do Concello de Muxía e da cooperativa cultural Horta Creativa, vén de dar a coñecer unha interesante programación para os meses do verán. Muxía itinerante, así se chama a iniciativa, levará propostas como roteiros, música, deporte, gastronomía ou artesanía a distintas localizacións e recunchos do municipio. Unha maneira de descentralizar a cultura e de achegala a toda a poboación. 

Comezará o vindeiro sábado, 5 de xullo, cun roteiro polo río Castro que guiará Xan Fernández Carreira: un percorrido circular de 10 quilómetros e baixa dificultade. Continuará o programa apenas un día despois, o domingo 6, co monólogo Arrivederci Roma, de Olga Abad, na antiga escola unitaria de Quintáns.

O sábado 12, a Praza Cabo da Vila acollerá un concerto do histórico grupo de música folk A Quenlla, mentres que para o 31 a actividade trasladarase ao areal de Nemiña, paraíso de surfistas, onde terá lugar toda unha xornada de actividades: clases gratuítas de surf, concursos, sesión vermú con paella, música nocturna...

A seguinte cita será xa no mes de agosto, o luns día 4, cando se celebrará o popular feirón de Senande. Este ano, din dende Muxía Cultural, será un chisco máis grande e haberá postos de artesanía, téxtiles, gastronómicos e artísticos, así como boa música a cargo de Brassica Rapa.

E a derradeira proposta deste programa queda fixada para o martes 19 de agosto, cando o físico baiés Jorge Mira guiará unha observación nocturna no máxico entorno de Touriñán.