Éxitos e ausencias

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

MUXÍA

Martina Miser

31 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha alumna do colexio Vilarmide de Muxía deixou onte saír entre os seus beizos unha frase que lle atribuíu a Bob Dylan e que, dixo tamén, serviría ben para explicar cal é o labor de Protección Civil nunha vila como a súa: «Non vivas para que a túa presenza se note, senón para que a túa ausencia se sinta». É ben frecuente, nos traballos e nos fogares —e por consecuente no mundo enteiro—, que aquilo máis común, o que se dá por sentado, o que aparece feito, acabe ficando mudo. Invisible.

Estes tempos que corren non lle son propicios aos que lles gusta andar calados. Importa máis o que se conta que o que se fai, a aparencia que o traballo, os títulos que o esforzo. E trunfa. É así de triste, si.

Perdón, grazas e quérote son palabras que custa dicir cada vez máis. Pero aínda queda xente que as di, e non perde creto por facelo. Menos de cinco minutos chegáronlle ao xenetista Ángel Carracedo hai uns días para dicir todo iso en Carballo. Afirmou sentirse na casa (quérote), deulle valor a un simple micrófono (grazas) e desculpouse por chegar cinco minutos tarde (perdón). «O mundo iría mellor se houbese máis Carracedos, no científico e no humano», dicía horas da súa intervención o alcalde. Eu non sei, pero canto me gustaría que persoas de éxito lle concedesen algo máis de valor ás cousas pequenas, e a quen a miúdo renunciou a moito para que ese fulgor lles chegase. Xa teño visto xente ben importante, aclamada, que non sabe que café se toma na casa, onde vai o deterxente, en que lugar se gardan as sabas. Cambalear no supermercado. Ai, cando quen facía todo iso falta! Din que quince días chegan para que te esquezan nun cargo. Pero esas outras ausencias, esas si que mancan.