Patrocinado porPatrocinado por

Autorizan á confraría de Malpica a usar gas pementa contra os furtivos

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

SOMOS MAR · Exclusivo subscritores

Foto de archivo del puerto de Malpica
Foto de arquivo do porto de Malpica Basilio Bello

O uso destes espráis non está estendido na Costa da Morte

18 jun 2025 . Actualizado á 08:10 h.

A Dirección Xeral da Garda Civil vén de autorizar a adquisición e uso xustificado de espráis de defensa persoal (de gas pementa) para os gardas rurais da confraría de pescadores de Malpica. Así o traslada o depósito malpicán, desde onde consideran a medida un paso significativo na mellora das condicións de seguridade na loita contra o furtivismo. A solicitude responde o incremento desta práctica ilegal na que os furtivos están cada vez máis preparados, explican. A resolución marca un precedente importante, valoran, para outras confrarías que enfrontan problemáticas similares.

En Malpica sofren o furtivismo, sobre todo, na extracción de percebes e de ourizo, e tamén na pesca submarina. «En verán, co bo tempo, increméntase moito a actividade ilegal en embarcacións de todo tipo», comenta o secretario, Francisco Javier Varela. As esposas e a porra son os outros mecanismos de defensa que teñen os guardapescas marítimos.

En Corme, en trámite

O uso destes espráis non está estendido na Costa da Morte, segundo as confrarías consultadas. Desde a de Corme confirmaron que formalizaron a solicitude este ano e que están á espera de recibir unha resposta. Desde Camelle ou Camariñas comentaron non saber que existise esta posibilidade. En Corcubión e Fisterra, non dispoñen de vixiantes. E en Laxe e Muxía, os patróns maiores, Luís Suena e Daniel Castro, falan dun furtivismo «implantado», agresivo e «pouco condenado», fronte ao que un espray, reflexionan, de pouco serve.

O de Camelle, Xosé Xoán Bermúdez, prefire reclamar máis medios como gardas, prismáticos nocturnos, embarcacións e axudas económicas; unha maior condena do furtivismo e máis autoridade para os guardapescas. Hai escasos días, do mesmo xeito que en Laxe, recibiron avisos de posibles furtivos nas súas zonas de extracción do percebe.