
Xosé María Lema Suárez: «Temos rutas a mancheas: a dos pazos, a dos hórreos ou as dos cruceiros»
29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai tempo había en La Voz de Carballo unha sección titulada O teu recuncho preferido, ou algo así. Eu teño un bo quiñón destes cornechos en cada unha das comarcas que conforman a Costa da Morte. Da man de amigos e amigas do Semescom e do IEB, iría por Bergantiños ó museo baleeiro de Caión, á Furna Furada, ás formacións xeolóxicas do Rego dos Muíños e a contemplar despois as Sisargas desde o faro «de pintura metafísica» de Punta Nariga. Iría ollar a ría de Corme e Laxe desde o Mar de Ardora do esteiro do Anllóns. Iría pasear polas praias a mar aberto de Soesto e Traba para chegar a Camelle polos camiños feitos polas rodeiras dos carros. Como telón de fondo, «os dentes e poutas» dos Penedos de Traba, sempre vixiantes.
Cara ó interior, tras visitar A Cidá de Borneiro e o centro de interpretación de Dombate, subiría ó Bico de Meda para dexergar as terras bergantiñás, xalleiras e soneirás. Baixaría logo seguindo o curso alto do río do Porto pola Ruta da Auga, escoitando o bruar das fervenzas do Rabiñoso e de Budián.
Continuaría polo Carreiro do Río polo paseo fluvial do Allo á ponte de Baio, ben sinalizado polo Tabeirón baiés. Paradas obrigadas na área de Pedra Vixía do río de Zas e na Carballeira da Devesa de Baio. Este río grande da Terra de Soneira conta con sitios idílicos desde o nacemento á súa desembocadura na ría de Camariñas. Un deles, os batáns e muíños do Mosquetín (Salto), conxunto etnográfico que salvaron do abandono e da destrución colectivos soneiráns tras unha loita de vinte anos, que se din axiña (un recordo para Roberto Mouzo). Hoxe é, xunto co castelo de Vimianzo e os Penedos de Pasarela e Traba, un dos lugares máis visitados. Para sitio emblemático, a acrópole pétrea dos Penedos, senlleiro museo granítico que tamén houbera que salvar da destrución, e que agora levaron a Fitur como proxecto-estrela os concellos de Vimianzo e Laxe e mesmo a Xunta de Galicia, e ben que nos alegramos, aínda que se lles esquecese facer algunha mención ós colectivos que os defenderan contra vento e marea con manifestacións e publicacións varias (guías, documentais...).
Máis cara ó noroeste está esa costa «de granito rosado» que moito me engaiola, a que vai de Arou por Santa Mariña ó cabo Vilán. Fora un dos escenarios naturais dunha novela de aventuras, de certo éxito no seu día, limitado. Nela situábanse os lugares ficticios de Valverde e de Santa Mariña do Tosto, a Serra das Penas Rubias, o Valado do Vento ou os Coídos Xemelgos, onde unha goleta inglesa, de nome Hispaniola, na súa viaxe de volta, estivera secuestrada por dous navíos piratas con base na Coruña (navíos que realmente existiron). Preto do monumental Penal do Veo da citada serra, desde unha sorprendente duna alta —a cen metros de altitude— dexérgase unha paisaxe inigualable, coa praia do Trece, á que se pode descender a fume de carozo se un se deixa levar pola pronunciada pendente da Area Escorredía da novela, como fixera Jim Hawkins, o grumete.

Despois de visitar o faro do Vilán vaiamos contemplar o relevo da translatio da igrexa románica de Cereixo e seguir polo paseo fluvial deica o muíño de mareas. Contamos cunha excelente ruta do románico rural nesta zona, liderada pola igrexa de San Xián de Moraime, case unha catedral, o mellor edificio artístico e histórico da Costa da Morte.
Inescusable visita ó santuario da Barca e as súas pedras máxicas, para logo desprazarnos ó Parador de Lourido, de recente construción, situado na aba sueste do monte Cachelmo, ben integrado na paisaxe e onde hai unha boa mostra de obras de escritores da Costa da Morte ou relacionados con ela. Do lado oposto do Cachelmo está a furna da Buserana, á que só se pode acceder por mar (agardo poder facelo algún día), a dos amores tráxicos do trobeiro Buserán e de Frolinda, pero de final feliz para os protagonistas de Costa do Solpor, o Chavián e Mariña de Lobeira, pois alí uniron as súas vidas ó tempo que despedían agarimosamente os tripulantes da goleta bristolesa do tesouro stevensoniano.
DNI. Xosé Mª Lema Suárez. Naceu en Bamiro (Vimianzo) en 1950. É historiador, etnógrafo, catedrático xubilado de Xeografía e Historia no ensino secundario, doutor en historia da arte, autor de numerosas obras sobre o patrimonio da Costa da Morte. Tamén escribiu unha novela, Costa do Solpor. É membro correspondente da Real Academia Galega.
Cito a fume de carozo lugares senlleiros a onde adoito levar visitantes. Despois da ría de Muros sempre nos detemos no hórreo de Santa Comba de Carnota, na fervenza do Ézaro, no Museo da Ciencia de Cee e nas rúas antigas de Corcubión. En Fisterra, ademais do hotel Bela Fisterra, co seu exquisito aire literario, non pode faltar a visita ó Museo da Pesca.
Se vimos polo interior hai que parar en Brandomil, onde se escavou un tramo de calzada e unha posible domus que certifican a importancia deste asentamento romano que recibía inmigrantes de todo o Imperio. Temos unha ruta dos dolmens entre os concellos de Vimianzo e Zas, ruta que está á espera de completarse cun Parque de Megalitismo que nunca dá chegado, malia as axudas da Deputación (seica hai alcaldías que nin arre nin xó).
Temos outras rutas a mancheas: a dos pazos do concello de Zas; a dos hórreos e as dos cruceiros cada concello pode facer a súa. E con isto remato na miña parroquia de Bamiro, diante do cruceiro dos Santos ou de Cheis, un dos máis fermosos e máis antigos de Galicia, do século XIV ou XV. Unha xoia gótica que, infortunadamente, non coñeceu Castelao. Limpouse e adecentouse ben hai poucos anos, pero non sobraría outorgarlle unha protección especial.