O lume nos tres bloques de Laxe, que se reavivou de madrugada, deixa trinta pisos desaloxados e trece deles calcinados
LAXE

















O Concello buscou aloxamento para dez persoas
01 jun 2025 . Actualizado á 17:56 h.O balance de danos polo lume nos tres bloques parellos de vivendas na avenida Cesáreo Pondal de Laxe deixou finalmente trinta familias desaloxadas (dos 34 pisos en total), e entre doce e trece vivendas calcinadas en maior ou menos medida. As chamas, que comezaron antes das dúas da tarde, foron extinguidas polos bombeiros, unhas tarefas en participáronas integrantes dos parques de Carballo, Santa Comba e Cee, ademais do GES de Ponteceso. Protección Civil, Policía Local, 061 e a Garda Civil tamén participaron en todo o operativo.
Este madrugada, sobre a 1.20, o lume reavivouse, con gran laparada nalgúns puntos, co que tiveron que intervir de novo os bombeiros. Existía certo risco de que o lume pasase a un edificio anexo, pero por fortuna non foi así. Esta mañá, o GES refrescou toda a zona.

O alcalde, Francisco Charlín, explicou que a maior parte dos desaloxados buscaron acomodo con amigos e familiares, e o Concello encargouse de dar cuarto e comida a dez persoas. Dentro da gravidade, o rexedor destaca que, por sorte, non hai habido danos persoais.

Nos primeiros momentos de onte sábado, a situación foise complicando debido á virulencia do lume. Unhas chamas que eran reavivadas, unha e outra vez, pola corrente de aire procedente do patio interior comunitario, que exerceu de improvisada cheminea. Os equipos de extinción víanse incapaces de atacar o lume, que foi pasando dun piso a outro ata afectar á totalidade do edificio. As chamas danaron primeiro os segundos e, posteriormente, os terceiros. Para aquel entón os equipos de emerxencias xa desaloxaran o inmoble e o edificio anexo, cortaran o tráfico na zona e evacuado a dúas persoas, entre elas, un mozo do primeiro piso no que se orixinou o lume. Ambas as foron derivadas en ambulancia a un centro hospitalario por inhalación de fume.

O tempo transcorría e o lume ía cobrando vida grazas ao osíxeno procedente do patio interior, que alimentaba as chamas unha e outra vez. Houbo que aumentar as dotacións coa presenza dos bombeiros do parque de Santa Comba. O lume acadou no interior do edificio temperaturas extremadamente elevadas, o que o facía incontrolable e era moi difícil de atacar. Despois de tres horas de traballo, os equipos de emerxencias empezaron a controlar as chamas. Unha vez extinguido procederon coas arduas tarefas de refrixeración ante o temor de que o lume se reavivase como consecuencia das elevadas temperaturas. Na rúa, mentres, había moitos veciños expectantes seguindo os labores. No 112 rexistráronse numerosas chamadas de alerta de veciños da zona, ante a gran fumareda visible desde Laxe, Cabana, Ponteceso ou Fornelos (Zas).