A fisterranía segue medrando en Carballo

P. B. CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

BASILIO BELLO

O Abaladoiro | Modesto Fraga tamén presentará hoxe a súa obra en Corcubión

24 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Modesto Fraga segue espallando polo mundo As almas da fisterranía. Con esta súa recente obra chegou o mércores á sede de Espiral Maior Foro, en Carballo, onde estivo acompañado polo responsable deste espazo, o tamén editor e autor Miguel Anxo Fernán Vello, así como por Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz. Se os dous tiveron palabras para Fraga e a súa obra, tamén o propio Modesto as tivo para os dous «oradores de excepción» que canda el estiveron.

Foi unha reunión de persoas unidas polos lazos da escrita, pois no público, chegado dende Fisterra, Corcubión, Arteixo ou A Coruña, estiveron Xosé Antonio Andrade, Branca Vilela, Xosé Iglesias, Fernando Cabeza Quiles, Xan Fernández, Cheíño de Tó, Santi Pazos ou Farruco Fraga, entre outros. Tamén Juanma Abelleira, saxo e autor da imaxe de portada. «Foi emocionante comprobar de primeira man o grande interese que suscitan as historias da fisterranía en todos os lugares do mundo», publicou Modesto logo da cálida acollida bergantiñá. Quen perdese esta cita terá hoxe mesmo outra oportunidade na Capela do Pilar de Corcubión: 20.00 horas.