
Organiza Paz Blanco, deseñadora e responsable da marca de moda animal Haciendo el Galgo
15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O hotel literario Bela Fisterra segue a diversificar a súa actividade e acollerá este sábado un desfile de moda canina. A organización correrá a cargo do propio establecemento, que ademais admite a presenza de animais de compañía; da deseñadora Paz Blanco, responsable da marca Haciendo el Galgo, e de Damián Álvarez, modelo, empresario fundador de Gubem Events e deseñador de pasarelas de moda que se encargou, por exemplo, da Mostra do Encaixe nas súas últimas edicións.
O evento comezará ás sete da tarde, será de balde para todos aqueles que queiran asistir e contará con trece cans adoptados que lucirán as pezas confeccionadas por Paz. Dende arneses, ata polares ou chuvasqueiros, cada produto está feito a medida no pequeno obradoiro que esta deseñadora ten en Portosín, e elaborado con patróns propios e tecidos de primeira calidade, explican dende o Bela.
Apuntan, así mesmo, que dende Haciendo el Galgo manteñen un «compromiso coa moda sostible, ética e feita con corazón», celebrando, ao mesmo tempo, «a diversidade, o talento local e a beleza de cada can», aseveran.