Ugía Pedreira: «Non me gustan os festivais que arrasan con todo, nin as verbenas»
FISTERRA

A artista natural de Foz abrirá hoxe (21.00) o Fisterra Experience, do que destaca a súa vontade integradora
27 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Semáforo de Fisterra acolleu onte a presentación da nova edición do Fisterra Experience, festival que se celebrará esta fin de semana en diferentes localizacións da vila e que nace para converter o entorno do cabo nun punto de encontro entre creación artística e natureza, sempre dende o punto de vista de sostibilidade. Baiuca, Mondra, Helena Egea ou MFC Chicken son algúns dos artistas que conforman o cartel, do que tamén forma parte A Pedreira, proxecto artístico da cantautora natural de Foz Ugía Pedreira. Así avanzou onte en Radio Voz Bergantiños o que presentará esta noite na localidade:
—Lista para encher de música a fin do mundo?
—Ou lista para que a fin do mundo me colla cantando [ri], vamos darlle a volta.
—Ugia, será a primeirísima en estrear o escenario deste ano: esta noite, ás 21.00. Que poderá ver o público que se achegue ata o seu concerto?
—Serei a primeira, ao ser a maior [ri]. Pois a xente poderá ver un concerto de folk-rock ou folk-jazz, aínda que o meu é o folk e tódalas miñas cancións están pensadas para mover o corpo de diferentes maneiras. Alí estarei con tres cracks, como son Lorena Cachito, na batería, formada en Londres aínda que leva xa un tempo por aquí; Mauricio Carouso, na guitarra eléctrica, brasileiro e colega dende hai moitos anos, un tipo moi versátil, e Alejandro Vargas, pianista de jazz que neste caso explora diferentes sons e sintetizadores.
—«Basal», ese último traballo discográfico co que leva xa uns meses xirando, valeulle tamén unha candidatura aos Premios da Academia de Música de España. Como viviu ese momento?
—Pois foi unha sorpresa. Primeiro nomeárono para os da música independente de España, na mesma semana veu o da Academia, despois gañei un Martín Códax na categoría de canción de autora, e máis tarde o documental que leva adxunto este álbum foi seleccionado para un festival indie en Barcelona. Estou un pouco abrumada, pero contenta, porque este foi un álbum que me custou moito facer: unha obra de enxeñaría na que tiven, por exemplo, moitos problemas de conciliación.
—Ten dito, precisamente, que a súa familia serviu de inspiración para este álbum.
—Pois si: a miña nai ábreo, e a miña filla péchao. Hai aí un segmento moi potente.
—Menudo ano para a música tradicional! Como viviu ese recoñecemento ás cantareiras?
—Pois contentísima por iso, porque máis alá das melodías e das músicas, estamos a falar dun patrimonio inmaterial que consiste en escribir, facer frases e filosofar a través das coplas, nun formato tradicional: foi como unha homenaxe a como pensa o pobo galego.
—É moito de festivais, Ugia?
—Non moito, a verdade. Interésanme os festivais que deixan pegada no territorio e que crean unhas cohesións, non esas citas estilo «Atila» que chegan, arrasan e marchan. Tampouco me gustan as festas populares con orquestras, pois non me sinto partícipe dese tipo de música. É unha mágoa, pois temos por exemplo todo un panorama de jazz que parece que non dá saído dos suburbios: non se ve representado.
—Pode ser o Fisterra Experience unha excepción?
—Si, por suposto, e hai moitas máis. Cousiñas feitas por asociacións, polo pobo ou por empresas de xestión cultural que están pendentes da comunidade. Neste caso falamos de Fisterra, lugar tan simbólico e peculiar, que che dá para coñecer o terreo e gozar da xente a través da música e a arte.
—Bueno, e como foi volver tocar en Vilaronte logo de tanto tempo? Puidemos vela no seu pobo natal no mes de maio.
—Pois iso si que foi unha sorpresa [ri], a verdade é que non imaxinaba poder tocar no meu pobo, as miñas cancións, coa miña banda. Foi un agasallo por parte da comisión, desa asociación de xente moza, que contou cunha das varias artistas que hai no pobo. Paréceme que así é como debería ser: se tes alguén que pode aportar algo e ser unha canle, habería que aproveitalo.
O programa de hoxe, en detalle
Lugar. Escenario Xacobeo, ubicado na rúa da Foliada.
Horarios. Ás 21.00 actuará A Pedreira, ás 22.30, Baiuca, e ás 00.00, DJ Mil-Phonorama.
Entradas. Poden adquirirse en Enterticket a diferentes prezos: 28 euros por un abono para os dous días, 18 para os concertos dun só día e 20 para música a bordo de Cruceros Fisterra.