
La Voz de Galicia e Concello de Dumbría volven convocar certame escolar e de adultos
14 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Os camiños nunca son iguais cando vas que cando vés». Así comezaba o desacougante relato co que a escritora Natalia Monje seducía no 2024 ao xurado do certame literario Territorio Vákner dirixido a maiores de 16 anos. Nuria Quintela e Adriana González fixeron o propio nos apartados de primaria e secundaria da convocatoria escolar. A todas elas procúraselle xa relevo, pois La Voz de Galicia dende a súa Redacción en Carballo e Radio Voz, co patrocinio do Concello de Dumbría e a colaboración dos municipios do Camiño a Fisterra e Muxía, volven convocar novas edicións deste concurso, a cuarta na modalidade de maiores de 16 anos e a quinta no ámbito académico.
Queda por diante un mes, ata o 15 de outubro, para escribir os mellores contos e relatos de misterio e terror arredor da besta Vákner e o propio Camiño, agrandando a dimensión literaria dese encontro co monstro que o bispo armenio Mártiros de Arzendján narrou ter sufrido no 1493 en montes dumbrieses, mentres peregrinaba ao finis terrae. Crónica histórica que ata se converteu en escultura, unha impresionante talla de lobo no Marco do Couto que xa se ten erixido nunha das imaxes máis icónicas para os que procuran a fin do mundo e o inicio do infinito.
Territorio Vákner estrea neste 2025 padriño, o escritor Rodrigo Costoya, unha voz para alentar a descuberta de talento literario e o espertar da imaxinación.
Como ha de ser o envío
Poderán participar no certame escolar alumnos de centros de Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía, ademais de Vimianzo e Carnota. Por eles pasa o Camiño á Costa da Morte e, no caso de Vimianzo e Carnota, hai nos seus colexios alumnado de Dumbría. Serán dúas categorías, unha para terceiro ciclo de primaria —cursos quinto e sexto— e outra para secundaria. Deberán achegar un texto inédito, en galego, con 1.500 caracteres como máximo e temática ligada ao Vákner. Seleccionará o xurado cinco en cada apartado, e os dez serán publicados en La Voz, con diploma e agasallo os tres primeiros. O centro do alumno ou alumna gañadora farase con 750 euros: 1.500 en total. Cada centro deberá enviar os textos identificados a eventos.carballo@lavoz.es ou ben ao enderezo La Voz de Galicia, rúa Gran Vía, 84, 1.º, 15100, Carballo. Os menores de 14 anos farán chegar ademais a autorización anexa ás bases asinada polos pais ou titores legais.
O certame de contos e relatos de misterio Territorio Vákner contribúe a afondar na pegada cultural dun Camiño percorrido por milleiros de peregrinos. Patrimonio colectivo que estas letras reforzan. No apartado dos maiores de 16 anos, deberán ser os relatos tamén inéditos e en galego, cunha extensión mínima de 4.000 caracteres, espazos incluídos, e máxima de 6.000. Elixirá o xurado tres textos, recompensados con diploma e peza distintiva. Publicaranse neste xornal e terá o galardón contía económica no caso do primeiro posto (2.000 euros) e do segundo (1.000). Os relatos faranse chegar fisicamente ao enderezo mencionado —rúa Gran Vía—, identificados só con lema e pseudónimo, mais acompañados dun sobre pechado cos datos persoais do autor ou autora.