Dumbría nutrirá centros educativos do Camiño e bibliotecas co libro «O Vákner»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

DUMBRÍA

BASILIO BELLO

Á obra é froito de varias edicións do certame literario Territorio Vákner, iniciativa conxunta de La Voz de Galicia e o concello dumbriés 

27 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ademais de Contos de Nadal e Contos de Primavera, La Voz de Galicia dende a súa edición en Carballo promove conxuntamente co Concello de Dumbría o certame literario Territorio Vákner, do que xa van catro edicións do apartado escolar e tres do de maiores de 16 anos ou adultos. No 2024, froito das convocatorias levadas a cabo ata ese momento, os traballos premiados foron publicados tamén por iniciativa conxunta en formato libro: O Vákner, relatos de misterio no Camiño de Fisterra e Muxía. A obra distribuiuse co xornal o 15 de setembro dese ano, con moi boa acollida, mais agora o Concello de Dumbría fará chegar ademais exemplares a centros educativos de todo o trazado do Camiño de Fisterra e Muxía —dende Santiago ata o finis terrae, por tanto— e tamén ás bibliotecas de toda a provincia da Coruña. Así o avanzou onte o alcalde dumbriés, Raúl González.

Explica o rexedor que serán sobre medio milleiro de obras a distribuír, dúas por cada centro educativo ou biblioteca. Por suposto, as primeiras en telo foron as de Dumbría, nada menos que cinco, o que sitúa a este municipio rural da comarca fisterrá como referente nas opcións da lectura. A entrega de exemplares, que comezará esta vindeira semana, faise coincidir ademais con maio, o grande mes das Letras Galegas. Todos os textos son escritos nesta lingua.

Por onde transita o Vákner

«O Vákner xa foi moito menos coñecido do que o é. A nosa idea é seguir promocionándoo con todo tipo de iniciativas, e esta actividade literaria é moi importante para nós», incidía onte pola mañá González Lado. O Concello, de feito, dota economicamente os concursos con premios por valor de 4.500 euros. Mais quen foi o Vákner? Mártiros, un bispo armenio que peregrinaba á fin do mundo, relatou no 1493 nas súas crónicas terse encontrado cunha besta por montes de Dumbría, á que así chamou, Vákner. Ao fío desa historia, o Concello de Dumbría non só ergueu unha monstruosa escultura de lobishome no Marco do Couto, xa un dos puntos máis visitados do municipio, senón que deseñou toda unha estratexia de identidade que vai dende o cultural ata o deportivo, incidindo sempre na vontade supramunicipal do proxecto: «Por iso tamén os libros se repartirán ao longo de todo o Camiño, dende Santiago, que é por onde transita o Vákner teoricamente».