A cultura fai parada no verán de Dumbría

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

DUMBRÍA

ANA GARCIA

Once grupos participaron na Foliada das Neves. A vindeira cita será este domingo, coa Festa da Familia

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Once grupos contribuíron o sabado a ir facendo medrar a Foliada das Neves, en Buxantes, promovida pola asociación A Fonte Santa co apoio de Gaiteiros de Buxantes e Concello de Dumbría. Na organización, as mozas Alba Trillo e Alicia Romero, de 26 anos, mestras na asociación, integrantes dos gaiteiros e docentes nas clases municipais de pandeireta (Alicia), tambor e bombo (Alba), xunto con Cris Canosa (baile) e David Puñal (gaita).

Pasaron pola terceira edición da cita Os Garuleiros de Negreira, Carcaxía, As Patronas das Amas de Casa de Mazaricos, Pandeireteiras de Arcos, Familia Varela, grupo de música tradicional De Bazar, Estraperlistas de Axio Mouro (Santa Comba), Pana Raiada, Fouliada e Inllar, ademais de Os Aventurados de San Cosme e a propia escola da Fonte Santa, xa na foliada aberta.

ANA GARCIA

Explica Alba que 11 grupos dan algo de «tranquilidade» para unha cita así, que é cousa de anos ir dándolle pulo, e que nada sería posible sen Roberto, presidente, Suso ou Ángel. Tampouco sen a colaboración de comercios —que posibilitou moitos sorteos—, do consistorio ou dos propios membros do grupo. A idea é ir consolidando a cita, mais tamén, sobre todo, «crear canteira» a través das clases municipais en Buxantes, das que Alba lembra que son gratuítas: «Que a xente saiba que estamos aquí, para todo o noso concello».

ANA GARCIA

A Festa da Familia, este vindeiro domingo 20 de xullo

A Foliada das Neves, que incluíu previamente un taller de baile con Cris Canosa, chegou a Dumbría logo doutras dúas citas culturais deste xullo, ambas do ciclo Cultura no Camiño: María da Pontragha, con Un saco de contos, e A Cova das Letras, con Procúrase Pepa a Loba. Ambas ben acollidas, e cos rapaces das actividades estivais do Conco como espectadores, así como outros chegados para a ocasión. A vindeira proposta será este domingo 20, coa Festa da Familia na carballeira de Berdeogas. Onte, contaba Ana Casais, técnica, acadaran xa as 3.000 reservas, polo que axiña pecharían, seguramente unha vez alcanzada a cifra do ano pasado, sobre 3.200. Merendas, música, bo ambiente e un entorno único.

Máis adiante, o 24 de xullo, terán a Migallas Teatro con Pegadas de Castelao (11.00, O Conco), a través da área de Lingua da Deputación. Para o 26 quedará o MagoTeto con O camiño do afiador, na Praza do Cruceiro de Olveira (20.00), e de novo a través de Cultura no Camiño. Súmase isto ás fins de semana de espectáculo audiovisual no Ézaro, ás numerosas citas deportivas, aos talleres de teatro ou ás propias actividades estivais do Conco.

Estas non son, nin foron nunca, un campamento ao uso, senón que se adaptan ás necesidades de horario das familias. No ánimo, promover o encontro de nenos das diferentes parroquias, favorecer que se coñezan, salvando a dificultade de que os pequenos deste concello vaian a colexios distintos: Vimianzo, Mazaricos, Carnota, Cee... «O punto de encontro que teñen dende hai vinte anos son as instalacións do Conco, poñemos transporte e traémolos». Só con empadroados e nenos que pasan o verán en Dumbría, ao ter familia neste municipio, chegaron a 170 inscricións, aínda que non acoden todos cada día: «É un xeito de que vaian tendo arraigo co concello, de que cando vaian medrando sigan querendo vir».