A horta gaña terreo como unha alternativa de emprego no rural

AGRICULTURA · Exclusivo subscritores

Cursos e xornadas pon de manifesto o interese que esperta o sector na Costa da Morte
02 jun 2025 . Actualizado á 22:29 h.Apenas duraron unhas horas as prazas dispoñibles do curso que o GDR Costa da Morte organizou en Coristanco sobre agricultura. Dá idea do interese que está a espertar a horta como alternativa de emprego na zona rural. Quedan aínda ocos para a formación en Muxía. A produción de horta vai gañando terreo especialmente na zona de Bergantiños onde xa hai explotacións punteiras que abastecen a grandes distribuidoras. Precisamente deste asunto falouse na xornada organizada polo Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Coristanco.
Entre os presentes na xornada estaba Jorge Eiroa, do grupo Vegalsa, e Eduardo Sanjurjo, de Kibus-Galia, unha plataforma de compra de produtos de quilómetro cero. Ambos coincidiron no interese cada vez maior das distribuidoras para establecer acordos formais e estables con agricultores para abastecerse.
Un exemplo son os pactos que Bonilla á vista e Patacas Prado (do grupo nacional Meléndez) asinaron con produtores de pataca en Coristanco, a pesar de que a primeira campaña non resultou demasiado ben. Tamén os acordos de José Antonio Añón en Mercamadrid para mandar todos os seus tomates para a capital de España.
Así, os pequenos produtores están a conseguir pactos para ter garantida a saída da súa produción, en tanto que as distribuidoras poden presentar aos seus clientes hortalizas ou verduras de proximidade e de orixe diferenciada, os que lles engade valor.
Estas cuestións aumentan o interese de persoas que non se expuxeran vivir do campo e que agora se están formando para facer da actividade unha opción de autoemprego con moitas posibilidades.

Unha das vantaxes é que este tipo de pactos permite planificar as colleitas e manter a actividade todo o ano cambiando os distintos produtos, sen que iso supoña unha redución da demanda.
Ademais, nos últimos anos xurdiron grandes consumidores que estableceron acordos con produtores de proximidade. Un dos exemplos é Inditex, que deu moitas posibilidades de expansión a hortas da zona de Bergantiños ou Cerceda, pero tamén se nota o tirón do consumo escolar. Tamén foi unha aposta do GDR Costa da Morte fomentar que os colexios adquirisen froitas e verduras na contorna. O modelo tivo tanto éxito que as producións de proximidade xa se van quedando curtas.
En detalle
Muxía
Curso sobre agricultura. Mañá martes comezarán as clases sobre transición da agricultura convencional á ecolóxica. Hai prazas libres. Anotacións en gdrcostadamorte@gdrcostadamorte.com ou no número 981 717 358. Haberá módulos sobre manexo do chan e fertilización natural, pragas e enfermidades, produto e comercialización e incluso unha práctica de campo. As clases son de 16.00. a 20.00 horas na escola de Vos Muíño
Carballo
Visita guiada. O programa para celebrar a Semana do Medio Ambiente que organiza o Concello de Carballo arrinca hoxe luns. Faio cunha visita guiada ás instalacións centrais dos servizos de abastecemento de auga e saneamento (Anllóns-Bardoso) e coa presentación de proxecto de recuperación de árbores froiteiras autóctonas. Será unha xornada combinada organizada por Gestagua e Dixardín. A segunda parte xa se desenvolverá na Horta Seixo Branco. Para as 17.00 horas está prevista a saída do autobús que realizará o traslado desde o mercado municipal. Con inscrición previa.