As granxas do futuro e o futuro das granxas

Luis García DIRECTOR FEDERACIÓN EFA

CORISTANCO

Artigo de Luis García, director de Federacións EFA de Galicia

20 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Non se trata dun xogo de palabras nin dunha premonición, senón de presentar un escenario posible, establecido a partir da evolución e as tendencias, que nos permita situarnos a uns anos vista. Un exercicio de prospectiva, unha especie de recreación do futuro.

Galicia é o leite (3.000.000 millóns de toneladas, o 41% do total producida en España) e resulta inevitable asociar os conceptos de granxa con leite. E é así porque contamos cun sector cada vez máis profesionalizado, con investimentos en instalacións e equipamentos para incrementar a produtividade, asumindo que o modelo debe ser intensivo pola insuficiente superficie agraria útil, en clara liña diverxente coas políticas ambientais da unión Europea, máis proclives á extensificación e unha condicionalidad reforzada para a percepción das axudas da PAC.

Como se puxo en evidencia no II Foro Empresarial Lácteo, celebrado recentemente en Coristanco, diminúe de xeito progresivo o número de granxas e de vacas, pero auméntase a produción. A dez anos vista augúrase que das 5.600 granxas activas pasaremos ás 3.000, pero cuns elevados índices de produtividade.

Esas granxas deberán ser sostibles, xeradoras de riqueza e emprego nas zonas rurais. Non podemos obviar os elevados custos dos investimentos a realizar (entre 7.000 e 10.000 euros por vaca) polo que hai que valorar moi ben as decisións e establecer prioridades. Un enfoque equivocado pode lastrar a viabilidade, e sen viabilidade, sobran as outras dúas patas da sustentabilidade: a ambiental e a social. Granxas e industrias, como elos da cadea, deberán traballar nun marco de sustentabilidade, transparencia e interdependencia, con relacións contractuais estables, como aliados para xerar valor, buscando a diferenciación e explorando novos nichos de mercado. O futuro virá determinado pola capacidade de resiliencia e de adaptación ás esixencias das normativas, ao posicionamento ante a globalización e a evolución dos mercados. E todo iso dependerá da substitución, da capacidade de atraer talento ao sector, mozos con formación e inmersos nunha dinámica de aprendizaxe, de formación permanente e portadores dunha nova imaxe da profesión, pois esas 3.000 ganderías que, segundo auguran os expertos, quedarán en Galicia deberán ser xeradoras de emprego cualificado e riqueza no rural.