Valentín García, secretario xeral da Lingua, visitou na véspera do seu peche en Cerceda a exposición «Cantemos todos a unha: o cantigueiro popular galego»
10 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A sala Xosé Neira Vilas da biblioteca de Cerceda acolle dende finais de novembro a mostra Cantemos todos a unha: o cantigueiro popular galego. Na véspera do seu peche —hoxe é o último día—, foi visitada onte por Valentín García, secretario xeral da Lingua, acompañado para a ocasión por Juan Manuel Rodríguez, alcalde, e as concelleiras Cristina Capelán e Catrina Queijo. A exposición chegou a Cerceda cedida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua e da Dirección Xeral da Cultura, como parte da programación institucional das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras, asunto no que este municipio ten moito que ver.
Da Vila da Igrexa, Cerceda, eran Rosa e Adolfina Casás, dúas das homenaxeadas: «Hai que seguir venerando a Rosa e Adolfina. Isto non é o final de nada, senón o principio de todo», reflexionaba onte o rexedor ao fío do remate deste 2025. Quedaron «encantados» coa visita de García, e non pasou desapercibido o nome da sala, Neira Vilas. Dez anos despois do seu falecemento, cumpridos este novembro, semella un bo candidato ás Letras 2027.
Teatro, tributos en forma de placas, concertos ou un mural foron parte da programación cercedense para honrar ás súas veciñas Rosa e Adolfina: «Intentamos modestamente estar á altura deste momento». O rexedor cercedense agradeceu a boa acollida que tiveron estas Letras en Cerceda e en Galicia, así como o respaldo da familia das dúas cantareiras da Vila a todo canto se organizou na vila: «Que houbese outros actos non os privou de estar aquí con nós».