Especial | A mandataria admite que nesta semana grande está moito máis pendente do que poida acontecer que de gozar das festas. Por suposto, convida a todos os visitantes a dar unha volta polo municipio
12 ago 2026 . Actualizado a las 12:08 h.A alcaldesa Margot Lamela Louzán recoñece que nesta semana grande que está a piques de comezar en Cee está máis pendente do que poida acontecer que de gozar das festas da Xunqueira como unha veciña máis.
—Esa preocupación irá no cargo.
—Si. Forma parte da responsabilidade adquirida. Por exemplo, revísanse todas as atraccións, absolutamente todas. Tamén os enganches á corrente eléctrica e compróbase que non haxa ningún cableado por fóra. Instalamos baños públicos e un punto violeta, e refórzase ademais o servizo da limpeza para que quede todo recollido. Non haberá un só coche aparcado no treito polo que pasa a procesión. En definitiva, cada ano queremos mellorar as Festas da Xunqueira, introducindo cousas en beneficio dos nosos veciños e tamén dos que nos visitan, que son moitos e de toda a contorna.
—Non se toma nin sequera un respiro?
—Si, pero é certo que me preocupa que todo saia perfecto no que a coordinación e prevención se refire. Que non haxa absolutamente nada, que os veciños e os que nos visiten teñan unha grata visión de Cee e das súas festas, que, por outra parte, son das máis importantes de todas as que se celebran na Costa da Morte en verán.
—Como veciña, como vive estes días?
—Con moita emoción. Lémbranme cousas de cando era rapaza. Coa Xunqueira pasa unha cousa: non importa que un sexa, ou non, crente. A Xunqueira, para os que somos de aquí de Cee, éo todo. A procesión, ver saír a imaxe en procesión, o San Roque.... Síntese unha emoción incrible. Os que somos de Cee, e así o digo sempre, contamos os anos de Xunqueira en Xunqueira.
—Tamén son datas para o reencontro.
—Sen dúbida. Esta semana grande de Cee é sinónimo de abrazos, risas, reunións, comidas e ceas familiares, de estar cos amigos... Veciños que residen fóra, tanto no resto de España como no estranxeiro por causas de traballo, regresan a Cee para estar cos seus. Vense as rúas cheas de xente, a hostalería con moita clientela. Son días de moi bo ambiente, de felicidade, de tradición e de regresar dalgunha forma ao que son as nosas raíces.
—Vostede di sempre que se identifica moito coas bandas de música.
—Si. Gústanme tamén as orquestras, pero as bandas de música... Levámolo no noso ADN, nun entorno tan marabilloso como é a Alameda. Pero a Xunqueira é moito máis. Este ano teremos uns fogos espectaculares. Lanzaranse [a noite do sábado ao domingo] dende a praia da Concha e dende ámbalas dúas rotondas, situadas no paseo marítimo e con música de fondo. Como unha batalla naval, pero nun entorno tan idílico como é a nosa ría.
—Se fose unha guía turística, que lle recomendaría aos que visitan Cee nesta semana grande da Xunqueira?
—A primeira parada obrigatoria para min sería o miradoiro de Gures e dende aí percorrer o noso litoral, dende Brens ata a praia de Gures, pasando polo alto da Peneda, na parroquia da Ameixenda, coas vistas espectaculares ás Illas Lobeiras, o monte Pindo e Fisterra de fondo. Despois habería que pasar e parar en Caneliñas e ver o que foi o último porto baleiro de Europa. E tampouco me perdería unha visita á praia de Estorde. Precisamente nestes días pódese gozar durante as noites do noso mar de ardora [é cuestión de probar sorte]. Tamén se pode contemplar a beleza da que é a ría máis pequena de Galicia, a de Lires, e gozar das súas postas de sol. E para os amantes do patrimonio hai unha parada obrigada: a igrexa de Toba, os muíños, os hórreos... Hai moitos sitios que ver e percorrer no noso municipio de Cee.